I Congreso RE-ACCIÓN, Ciencia, investigación e divulgación sobre residuos

Presentación

Nesta publicación electrónica recóllense todas as experiencias de investigación presentadas no 1º Congreso de Centros Educativos RE-ACCIÓN, Ciencia, investigación e divulgación sobre residuos.

Un residuo é todo o material que deixou de ser útil e, polo tanto, precisa ser eliminado e que se produce como consecuencia das actividades humanas, xa sexan domésticas, industriais, comerciais ou de servizos. A maioría da poboación é unha gran consumidora de recursos e gran xeradora de residuos que é preciso xestionar eficazmente para evitar a súa acumulación masiva e os seus conseguintes impactos no medio ambiente.

A xestión dos residuos consiste no conxunto de operacións dirixidas a darlles o destino mais adecuado dende o punto de vista ambiental e sanitario: Reducción, evitar a xeración de residuos; Reutilización, alongar a vida dos materiais antes de converterse en residuos; Reciclaxe, tratamento dos residuos para destinalos a outros usos; ou valorización mediante a compostaxe, a obtención de enerxía, etc. Anualmente xéranse en Galicia en torno a 1,2 millóns de toneladas de residuos, e a súa xestión realízase en tres plantas situadas na provincia da Coruña. A saturación destas plantas de tratamento é un dos principais problemas ambientais da nosa comunidade, o que impide que unha porcentaxe moi elevada dos residuos sexa tratada do xeito mais adecuado, e dicir, primando a reciclaxe e a valorización.

O Proxecto RE-ACCIÓN, Ciencia, investigación e divulgación sobre residuos, brindou aos centros de ensino de toda Galicia o marco perfecto para que os escolares afondaran nesta problemática grazas ao desenvolvemento de proxectos de divulgación científica sobre residuos durante o curso 2012-2013, converténdose así nos voceiros da realidade ambiental asociada á problemática dos residuos do seu ámbito máis próximo.

Grazas as visitas programadas as instalacións das principais plantas xestoras de residuos urbanos de Galicia, situadas en Nostián e Cerceda, e as instalacións demostrativas do Centro Universitario de Compostaxe da UDC, os rapaces participantes obtiveron unha visión mais activa, dinámica e innovadora do traballo científico ao entrar en contacto directo coa práctica investigadora. O Día da terra, 22 e 23 de abril, os escolares participaron no Congreso RE-ACCIÓN, onde tiveron a oportunidade de presentar ante o resto dos centros participantes os seus proxectos de investigación científica sobre residuos.

Co desenvolvemento das accións que enmarcan este proxecto, aspiramos a crear unha porta de entrada para a Educación Ambiental nos centros de ensino de toda Galicia, contribuíndo a crear sinerxías e a fomentar o seu papel como promotores dunha nova cultura ambiental entre a sociedade galega.

O patrocinio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) permitiu o desenvolvemento deste proxecto, que tamén contou coa colaboración da Universidade da Coruña, a través da súa Oficina de Medio Ambiente, da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña, da Sociedade Galega para o Medio Ambiente (SOGAMA), e do Grupo Gadisa.