Os Diálogos Humboldt son un espazo de divulgación da Historia da Ciencia e do Medio Ambiente e dos retos actuais de conservación, coa figura de Alexander von Humboldt e a súa vincultación coa cidade da Coruña como fío condutor. No marco deste proxecto desenvólvese cada ano unha programación de actividades que inclúen conferencias, actividades de divulgación científica e ambiental, actividades formativas e diversos actos culturais.
Os Diálogos Humboldt son unha iniciativa do CEIDA e a Autoridade Portuaria da Coruña.

Naturalista e descubridor, investigador e aventureiro, xeólogo e humanista, é considerado un dos homes de Ciencia máis salientables da historia. Acadou a sona mundial grazas á expedición americana que levou a cabo entre os anos 1799 e 1804 e que partiu da Coruña o 5 de xuño de 1799. Na viaxe explorou o que na actualidade son Colombia, Venezuela, Cuba, Ecuador, Perú e México, e grazas a isto puxo o nome da nosa cidade na historia dunha das máis importantes fazañas científicas da humanidade.
Antes de partir na buque español Pizarro, ao mando do capitán Juan Manuel de las Cagigas, estivo dez días hospedado no Café - Fonda " León de Oro" agardando a que os ventos fosen propicios para a saída do barco. Durante ese tempo recolleu e preparou plantas, examinou algas e moluscos, visitou a Torre de Hécules e escribiu unha importante correspondencia. Tamén realizou unha travesía mariña ata Ferrol, onde afirmou que “Non ofrece Europa enteira tan extraordinario fondeadoiro (o de Ferrol) en razón da súa avanzada posición no interior das terras”.

As diversas publicacións coas que á volta da expedición americana deu a coñecer o resultado das súas pescudas convertérono nunha referencia internacional. Este científico foi pioneiro nunha disciplina que hoxe chamamos Ecoloxía, e púxoa na axenda da humanidade, pois iniciou o estudo científico do Medio Ambiente. Os resultados das súas múltiples investigacións enriqueceron numerosas ponlas das ciencias e pasou ser un referente na popularización científica.
O seu pensamento mantén certa vixencia. A visión global do mundo, o respecto polas diferentes culturas e a defensa da interacción entre o coñecemento humanístico e científico sitúano como un pensador fundamental na construción da modernidade cultural e científica.
Centro de Extensión Universitaria y Divulgación Ambiental de Galicia- promueve la educación ambiental en todos los sectores sociales, así como el intercambio científico y cultural, trabajando en la búsqueda de soluciones a los problemas ambientales y fomentando las buenas prácticas en este sentido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org