As Reservas Mariñas desempeñan un importante papel de conservación e recuperación dos ecosistemas mariños degradados pola acción humana, pero ademais serven como instrumentos de xestión pesqueira.
Estudios en todo o mundo xa demostraron a súa gran efectividade. A clave do éxito é protexer as especies no lugar e no momento no que son mais vulnerables á presión humana, principalmente durante as fases de reprodución e cría.
Un dos beneficios experimentados, froito da súa implementación, é o incremento no tamaño e biomasa das especies explotadas. Isto tradúcese na exportación de biomasa ás zonas veciñas da reserva e polo tanto nun aumento das capturas.
Para a creación dunha AMP hai que considerar unha serie de criterios, como por exemplo a localización e o tamaño da reserva, ou o tipo de ecosistema a protexer, xa que este debe englobar a maior variedade de hábitats e comunidades posibles.
Evidencias de efectos positivos das reservas sobre a conservación da biodiversidade
En moitas ocasións puido comprobarse cómo a desaparición de determinadas especies altera o funcionamento dunha comunidade enteira. Por este motivo, o primeiro obxectivo dunha rede de Áreas Mariñas protexidas xestionada efectivamente é asegurar una representación axeitada de todos os ecosistemas. Canto máis conservado esté un ecosistema maior será a súa capacidade de resposta ante catástrofes ecolóxicas.
A sobrepesca modifica por completo o equilibrio das especies mariñas: as de maior tamaño desaparecen á vez que se xera unha superabundancia de pequenos organismos situados na base da rede alimentaria.
Un dos efectos positivos da creación dunha AMP é precisamente a conservación da biodiversidade, revertendo a tendencia creada por la sobrepesca. A biodiversidade fortalece o equilibrio dos ecosistemas mariños, facendo sostible tanto a pesca como outros servizos ecolóxicos que estes nos prestan.
A gran riqueza das rías galegas é un extraordinario exemplo de biodiversidade mariña e litoral.
As AMP, ademais de ferramentas de conservación dos ecosistemas, representan novos sistemas de xestión pesqueira, nos que os pescadores deben participar activamente. A xestión pesqueira é algo máis que a implementación dunha serie de normas que velen polo cumprimento das leis establecidas. Debe ser un proceso cíclico, continuo e moi complexo no que se avalíe a situación do stock, se tomen as decisións axeitadas en cada momento e se establezan os controis necesarios para garantir o seu cumprimento e eficacia.
A pesca altera o equilibrio das poboacións explotadas por causa da mortalidade directa. O obxectivo básico da xestión pesqueira é lograr que o recrutamento (a incorporación dos xuvenís á poboación reprodutora) sexa suficiente para compensar as capturas, de xeito que a explotación sexa estábel e sostíbel no tempo.
En reservas respectadas prodúcese un rápido aumento na abundancia e tamaño medio do corpo das especies explotadas. Os stocks de moitas destas especies increméntanse de dúas a catro veces en cinco anos. A exportación de biomasa obsérvase xa no primeiro ano de vida da reserva e é significativa nos primeiros cinco anos.
Na reserva e na súa zoa veciña obtense un importante beneficio para a pesca xa que se consigue un incremento das capturas e mellores exemplares cun menor esforzo. Ademais, estas áreas teñen un valor económico engadido xa que poden adicarse a outros usos, como por exemplo o turismo. De feito, hoxe en día ó redor dos nosos océanos se desenvolven unha ampla gama de actividades acuáticas. A revalorización das culturas e os oficios tradicionais ligados o medio mariño están creando novas tendencias do turismo que buscan coñecer e participar nestes modos de vida. Deste xeito, as comunidades pesqueiras poden incrementar os seus ingresos ó mesmo tempo que reducen a presión extractiva sobre os recursos.
As AMP posúen valores intrínsecos de moito interese. O valor educativo de concienciación e respecto polo medio ambiente e o inestimable valor científico melloran a imaxe do sector pesqueiro fronte ós consumidores.
Balance do Turismo en España 2005 (Fonte: Ministerio de Industria, Turismo e Comercio)
Ata hai relativamente pouco non se comprendeu que o medio mariño precisa, do mesmo xeito que o terrestre, de figuras de protección axeitadas. O fin é impedir a degradación dos ecosistemas mariños provocada polo ser humano, como consecuencia principalmente da sobreexplotación, e permitir a súa recuperación.
Actualmente en España non existe unha lei específica en materia de protección, o que motiva a aparición de múltiples figuras legais, ás veces superpostas.
Son diversas as evidencias de efectos positivos que xeraron as distintas reservas mariñas creadas en España desde 1986, cando se estableceu a primeira na Isla de Tabarca (Alicante). Desde entón, o número de reservas en España no fixo mais que medrar. A pesar do cal, a xuízo dos expertos, o seu número resulta aínda insuficiente.
As AMP establecidas engloban zonas que pola súa importancia bioxeográfica e ecolóxica non están o suficientemente protexidas. As zonas máis sensibles á actividade humana son prioritarias.
O Parque Nacional das Illas Atlánticas é polo momento o único espazo mariño protexido de Galicia. Creado o un de xullo de 2002, está composto por catro arquipélagos: Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, con unha extensión total de 1.200 hectáreas terrestres e 7.200 marítimas.
Coma consecuencia da elevada biodiversidade que presentan o seus fondos mariños, a superficie somerxida que se protexe nel é maior que a terrestre. O importante valor ecolóxico das súas augas puido verse afectado pola sobreexplotación que se ven facendo tradicionalmente. Por iso, un dos obxectivos do Parque Nacional é regular as actividades que nel se desenvolven, tanto profesionais como recreativas, para que os ecosistemas naturais se vexan minimamente afectados ó tempo que se mellora a explotación dos recursos.
A pesca e o marisqueo están controlados e sometidos a unha serie de limitacións. Deste xeito o Parque funciona coma unha auténtica AMP, cumprindo cos requisitos e obxectivos que éstas esixen, a pesar de que a súa creación se debeu a un interese basicamente conservacionista.
O proxecto Mardelira
A Confraría de Lira (Carnota) ten en marcha o proxecto “Mardelira” que inclúe a creación da primeira Área Mariña Protexida da costa Atlántica da península Ibérica, a “Reserva mariña de interese pesqueiro Os Miñarzos” , por mor dos serios problemas polos que atravesa o sector pesqueiro galego. Esta reserva foi definitivamente aprobada o 12 de abril de 2007 (publicado no DOGA do 8 de maio de 2007). A zona finalmente protexida comprende unha extensión aproximada de 1.300 ha.
Esta nova ferramenta de xestión, proposta inicialmente polo grupo de Recursos Mariños e Pesqueiros da Universidade da Coruña, foi acollida con gran interese tanto por parte da directiva como por parte dos pescadores. Isto é moi importante xa que os pescadores desempeñan un papel fundamental no seu deseño e creación.
Podes atopar máis información na páxina web do Proxecto Mardelira.
© CEIDA
Todos os dereitos reservados.
Diseño web TERRANOVA. Validar xhtml 1.0 Transitional.