• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental

Presentación do libro 'Viaje a Yelowstone' de Alfonso Polvorinos

Vostede está aquí

Presentación do libro 'Viaje a Yelowstone' de Alfonso Polvorinos

Presentación do libro 'Viaje a Yelowstone' de Alfonso Polvorinos

Aforo limitado

O biólogo, técnico en ecoturismo e escritor   Alfonso Polvorinos,  visitará a nosa biblioteca e centro de documentación ambiental para presentar o libro   Viaje a Yellostone , ensaio literario que se adentra na magna natureza do Gran Ecosistema Yellowstone, formado polo Parque Nacional Yellowstone, o Parque Nacional Grand Teton e os territorios adxacentes. Unha obra multimedia con fotos, vídeos e debuxos do caderno de campo do autor, dacabalo entre a novela e a guía de viaxe, no maior escenario natural de Norteamérica.

Sobre a obra

O 1 de marzo de 1872, Yellowstone foi declarado parque nacional, converténdose non só no primeiro espazo natural protexido con esta figura en Estados Unidos, senón no mundo. O supervolcán Yellowstone, a maior caldeira volcánica de cantas existen, conta con abafadoras paisaxes hidrotermais —alberga o 60% dos géiseres do planeta, e fumarolas e máis fontes termais que ningún outro lugar—, entre os que sobresaen, por ser as súas paisaxes volcánicas máis soadas e extraordinarios, o géiser Old Faithful, o manancial multicor Grand Prismatic ou o Gran Cañón do río Yellowstone, cuxas paredes de pumitas amarelas dan nome ao parque nacional máis famoso do mundo. Son só o principio dunha infinita lista de enclaves.

Este vasto recuncho das Montañas Rochosas é fogar de castores, londras, alces, coiotes, berrendos, wapitíes, aguias calvas ou marmotas, pero é sobre todo recoñecido polas súas poboacións de bisontes, lobos e osos grizzlies. E por ser o mellor lugar para observalos en liberdade. Bastión dos últimos bisontes americanos salvaxes que quedaron no país, berce do máis importante proxecto de reintroducción dunha especie como foi o do lobo gris, hoxe convertido, xunto ao oso grizzly e os bisontes, no motor económico da rexión.

Máis de catro millóns de visitantes caen cada ano irremediablemente namorados de Yellowstone. É este un libro, sobre todo, de natureza, pero é tamén un libro de tramperos, de homes das montañas e comercio de peles, de buscadores de ouro, de tribos indíxenas como os pés negros, os crow ou os nez perce. Mesmo de personaxes míticos como Buffalo Bill, o xeneral Custer, Caballo Loco, John Colter, Jim Bridge, Hugh Glass, ou Jeremiah Johnson. Territorio onde se desenvolveron episodios tan importantes na historia de Estados Unidos como a batalla de Little Bighorn entre o soado Sétimo de Cabalería e os sioux. Si, todo iso é Yellowstone, un lugar único no afastado Oeste.

Con motivo do 150 aniversario da declaración do Parque Nacional Yellowstone, o autor viaxa a este paraíso salvaxe para cumprir o seu soño. Froito da viaxe, este ensaio literario penétrase na magna natureza deste territorio para ofrecer unha obra multimedia dacabalo entre a novela e a guía de viaxe, no maior escenario natural de América do Norte.

Sobre o autor

Alfonso Polvorinos é biólogo, formador, divulgador naturalista e técnico especializado en ecoturismo desde hai máis de 30 anos. Dilatada experiencia en formación sobre turismo de natureza, na organización de eventos e axente de viaxes de natureza. Os últimos anos pasounos viaxando polo mundo para descubrir a fondo destinos, lugares, hoteis e actividades co obxecto de confeccionar os mellores programas para as empresas de ecoturismo multinacionais.

É asesor técnico sobre Ecoturismo, Turismo de Natureza e Turismo Responsable/Sostible para gobernos internacionais, organismos oficiais do Goberno de España e diferentes Comunidades Autónomas. Director do Foro Internacional de Turismo de Natureza e Turismo Sostible Expotural (edicións 2018 e 2019); Expotural Feira da Natureza, o Clima e o Turismo Sostible, IFEMA (Madrid); coorganizador de natureWatch, Encontro Nacional de Turismo de Observación da Natureza, en diferentes edicións.

Autor de diferentes publicacións especializadas, entre elas, a publicación oficial de “Ecoturismo en Asturias” (Sociedade Pública de Xestión e Promoción Turística e Cultural do Principado de Asturias) e director da primeira revista dixital multimedia 4.0 sobre Ecoturismo   www.elecoturista.com.

Sempre estivo moi vinculado ao mundo dos medios de comunicación, como escritor e fotógrafo de viaxes. Publicou reportaxes nas principais revistas de viaxe españolas e colabora semanalmente en programas de radio sobre viaxes e natureza en Cadena Ser, Punto Radio, Radio Marca, etc. 

É autor de diversas guías de ecoturismo e roteiros na natureza (El País-Aguilar ou El Senderista, entre outros). Tamén é colaborador das Guías e Mapas dos Parques Nacionais de España publicadas polo Centro Nacional de Información Geográfica e o Organismo Autónomo Parques Nacionales.

Como escritor, é autor dos libros «La Ruta 5, al encuentro de los CincoGrandes de la Fauna Ibérica» (www.laruta5.es)  e «Viaje a Yellowstone»  (www.paraisossalvajes.com).

Acto de presentación

O acto de presentación terá lugar o   vindeiro xoves, 16 de xaneiro, ás 19 horas,   nas antigas cabalarizas do   Pazo de Lóngora.

O   aforo é limitado,   polo que agradecemos confirmar asistencia no teléfono 981 630 618 ou no seguinte formulario:

Script modelado 3D

CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
ceida@ceida.org

Suscríbete ás nosas novas

Políticas do sitio