10 a 14 h.
Castelo de Santa Cruz (Oleiros)
CEIDA
Cada ano, o 26 de Xaneiro, celébrase o Día Mundial da Educación Ambiental e nel se suceden eventos que nos fan lembrar a relevancia e o imprescindible desta ferramenta para construír para un mundo máis sostible dende todos os ámbitos.
Pero é se cadra neste 2020 no que esta conmemoración acada unha maior significancia, pola relevancia que acadaron tanto a nivel internacional como local a loita contra a emerxencia climática, a preocupación pola crecente contaminación por plásticos dos océanos, ou sucesos de gran impacto ambiental como os incendios na Amazonía do pasado verán ou de Australia nas datas máis recentes.
A maior sensibilidade da sociedade cara estes temas é patente nunha maior mobilización social, que se pode percibir na aparición de fenómenos mediáticos como o xerado pola activista climática Greta Thunberg, nos medios de comunicación que no último trimestre de 2019 acadaron limites históricos de novas de carácter ambiental, nas redes sociais, nas mobilizacións cidadáns coordinadas en todo o planeta sen precedentes ou en centros educativos cada vez máis implicados.
En paralelo a esta realidade social, o sector da Educación Ambiental pasou momentos difíciles, despois dunha crise que afectou de forma moi dura, coa perda de relevancia e incidencia nas administracións, co peche de numerosos equipamentos especializados, de empresas, de postos de traballo, así como unha maior precarización do mesmo.
Cómpre pois activar de novo a un sector estratéxico e imprescindible para os desafíos ambientais que como sociedade temos que afrontar con carácter de urxencia.
#EA26Galicia é unha xornada de participación sobre os retos e os desafíos que a situación de emerxencia climática supón para os profesionais, así como os problemas e propostas de solución sobre a realidade da profesionalización da Educación Ambiental en Galicia. Este evento quere aportar tamén, unha oportunidade para xerar sinerxias e alianzas de traballo, para o coñecemento informal de novas iniciativas que xurdiran nos últimos anos, e unha escusa para o reencontro.
Esta xornada xorde no marco da iniciativa #EA26 (https://educacionambiental26.com), encontro virtual mensual que manteñen profesionais da Educación Ambiental en Twitter dende hai 4 anos, co fin de compartir reflexións, experiencias ou proxectos de futuro. Este movemento virtual foi quen de visibilizar e darlle espazo nas redes sociais á educación ambiental, pero tamén leva convocado dous encontros presenciais de educadores e educadoras en Madrid.
Neste evento, replicarase a nivel galego este punto de encontro da educación ambiental en Galicia,e faremos una reflexión do estado da mesma no actual reto de emerxencia climática. #EA26Galicia contará, ao igual que o #EA26Presencial, cun programa baseado nas novas metodoloxías de participación e no emprego das TICs para lograr un maior impacto social.
9:30h. Acollida das persoas participantes.
10:00 h. Inauguración e presentación do Encontro de Educadores e Educadoras Ambientais #EA26Galicia.
10:30 h. Estamos as educadoras e educadores ambientais preparados ante a emerxencia climática? Contamos coa túa experiencia para identificar os… ..problemas.
11:15 h. Que tal se procuramos agora solucións?
12:00 h. Pausa - café.
12:30 h. Posta en común
13:30. h. Conclusións e peche con creación de materiais audiovisuais.
14:00 h. Despedida e peche.
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org