• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental

Conversas naturalistas: plantas medicinais e libros

Vostede está aquí

Conversas naturalistas: plantas medicinais e libros

Conversas naturalistas: plantas medicinais e libros

PRAZAS ESGOTADAS!

Este mes de xullo o Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga organiza unha nova edición de Conversas Naturalistas, espazo de introdución ao mundo natural que combina a experiencia persoal de experto/as en determinadas materias e os libros que son imprescindibles para marabillarnos coa  biodiversidade nos seus diferentes ámbitos.

Esta terceira actividade estará centrada no   mundo das plantas medicinais, e para achegarnos a elas contaremos coa presenza de María Moure de Oteyza, "María das Herbas", con quen nos introduciremos no mundo vexetal e os coñecementos máis ancentrais, identificaremos algunhas das especies de plantas medicinais que se atopan na nosa contorna máis próxima,... mais tamén escoitaremos aquelas vivencias e experiencias persoais que a levaron a fascinarse pola etnomedicina, así como as lecturas que considera indispensables para iniciarnos neste mundo case máxico.

"María das herbas"

María Moure de Oteyza é Licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela. Acadou a Suficiencia Investigadora (diploma DEA) en dita Universidade. En novembro de 2020 Teófilo Edicións publicou o seu primeiro libro, titulado “María das Herbas e as Herbaxeiras do Caurel.” En maio de 2021 saiu á rúa a segunda edición. A obra está baseada na Etnomedicina e tradicións populares desa bisbarra da provincia de Lugo e forma parte dunha triloxía que ten o catálogo de plantas medicinais como fío condutor. Dende 2014 María imparte cursiños, conferencias e obradoiros a través de diversas institucións (USC, UNED, concellos, Deputación de Lugo) e en asociacións culturais e centros de terapias naturais. Dita labor a compaxina co traballo como farmacéutica adxunta. Actualmente ten unha colaboración a través dunha tese de doutoramento co Departamento de Farmacoloxía da Facultade de Farmacia da USC. 

A súa obra

“María das Herbas e as herbaxeiras do Caurel”. Crónica da Cultura Popular dunha Terra Extraordinaria é un libro de divulgación destinado ós expertos e ó público en xeral, primeiro tomo dunha triloxía que ten o catálogo de plantas medicinais como fío condutor. Baséase nas entrevistas realizadas ós veciños da bisbarra (concello de Folgoso e colindantes) durante dous anos de traballo de campo, tempo no que a autora vivíu na serra. Aspírase a que a obra, de 316 páxinas e 245 ilustracións, supoña un referente diferenciador respecto ó resto de estudos de Etnobotánica de España, pois o foco está posto nas persoas, non nas plantas medicinais. O factor humano é primordial en toda a obra. Ademais do relacionado ca Etnomedicina ó longo dese ensaio novelado, dito rasgo ponse de manifesto a través das reseñas biográficas de cada un dos informantes chave ou dos comentarios, testemuños persoais, ritos ancestrais, adiviñas, cancións ou refráns, por poñer algún exemplo. Outros rasgos diferenciadores o constitúen a información inédita, o apartado adicado á Medicina Preventiva, dous escritos etnomedicinais antigos ou as láminas botánicas pintadas por Antonieta de Oteyza, nai da autora. A limieira escribiuna Felipe Senén. Están presentes o sentido do humor e a espontaneidade derivada de transcribir literalmente o que, ó longo de dous anos, tantos marabillosos caurelaos relataron, elementos importantes para as persoas interesadas nas plantas medicinais e no Caurel e para todos aqueles que queiran saber o que de auténtico, de raíz, de ancestral, permanecen aínda no noso mundo. 

A conversa naturalista terá lugar nas antigas cabalarizas do   Pazo de Lóngora, actual sede do Centro de Documentación, o vindeiro   xoves,   14 de xullo,  ás 19.00 h.

As prazas para esta actividade xa están ESGOTADAS

 

Script modelado 3D

CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
ceida@ceida.org

Suscríbete ás nosas novas

Políticas do sitio