Este mes de febreiro o Centro de Documentación Ambiental do CEIDA continúa co seu ciclo de Conversas Naturalistas, espazo de introdución ao mundo natural que combina a experiencia persoal de experto/as en determinadas materias e os libros que son imprescindibles para marabillarnos coa biodiversidade nos seus diferentes ámbitos.
Esta primeira conversa deste 2023 estará centrada no mundo dos cetáceos, e para achegarnos a eles contaremos coa presenza do experto Alfredo López, con quen nos introduciremos no mundo destes mamíferos mariños, falaremos da súa bioloxía e características, coñeceremos algunhas das especies presentes no territorio galego, ... mais tamén escoitaremos aquelas vivencias e experiencias persoais que o levaron a fascinarse por estes seres acuáticos tan incribles, así como as lecturas que considera indispensables para saber e aprender máis sobre eles.
Alfredo López
Doutor en Bioloxía por la Universidade de Santiago de Compostela, ilustrador científico e especialista en cetáceos. Investigador no Consejo Superior de Investigaciones Científicas-CSIC (1998-2001), actualmente investigador adxunto do Departamento de Bioloxía da Universidade de Aveiro-CESAM. Colaborador do Centro de Recuperación de Fauna Mariña-CRAM de Aveiro e das UCIS de rehabilitación de fauna da Rede de Varamentos de Galicia-REVARGAL. Membro fundador da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA ) en 1990. Responsable de Educación Ambiental de CEMMA e das ilustracións da maior parte dos materiais educativos. Co-autor de máis de 80 artículos científicos. Debuxante de Banda deseñada e humor gráfico.
A actividade terá lugar o vindeiro xoves 23 de febreiro, en horario de 19 a 21:00 h. na actual sede do Centro de Documentación, o Pazo de Lóngora (Liáns, Oleiros). As prazas son limitadas.
Para poder asistir, é imprescindible confirmar praza no seguinte FORMULARIO
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org