Marzo é o mes da renovación de case todo. Crecen os días, chegan as cores, os aromas, e moitas especies despertan cos novos ritmos que trae a primavera. Mais marzo é tamén o mes da poesía e dos bosques (21 de marzo), dous días mundiais que se celebran na mesma data e que este ano imos conmemorar na nosa biblioteca verde coa presentación do poemario Guardabosque do escritor gaditano Ricardo de Castro.
En Guardabosque coexisten versos cunha forte carga social, sobre o respecto á natureza, a súa forza e simbolismo, ou a solidariedade humana, con textos de carácter máis intimista e emocional hacia un mesmo e os outros. Tamén se mostran camiños invisibles que nos levan desde a nosa casa hacia outras culturas, paisaxes e contornas. Poemas que saben a sal e savia nova. Palabras entre montañas, árbores, marismas, ríos, aves migratorias... que se moven coa cadencia das mareas. Xeografías da intimidade e psicoloxías do mar e os bosques.
A presentación do libro contará coa participación da escritora Francisca García Jáñez, que manterá un diálogo co autor, e a música de Óscar Fernández, zanfonista, compositor e profesor de zanfona.
Sobre o autor, Ricardo de Castro
Ricardo de Castro naceu en Cádiz e é psicólogo social de formación, experto en cuestións ambientais, ámbito no que ten editado diversas obras sobre voluntariado, educación e comunicación ambiental.
Como poeta participou en obras colectivas como Oikos Redondo en edición bilingüe español-portugués, ou na revista Cuadernos de Roldán. Asimismo foi finalista do II Premio de Ecopoesía Puente del Guadiana. Para a prestixiosa editorial francesa Jonglez, especializada en guías urbanas redactadas polos seus habitantes, publicou “Sevilla Insólita y Secreta” e “Cádiz Insólita y Secreta”.
Por outro lado, é compositor das músicas e textos así como o cantante de Contradanza, grupo de folk contemporáneo co que gravou xa catro discos (o máis recente "El Canto de la Tripulación").
Sobre Francisca García Jáñez
Francisca García Jáñez é Doutora en Filoloxía Hispánica pola Universidade Complutense de Madrid (especialidade Arte e Literatura), escritora, docente e investigadora. Especializada en talleres de poesía xaponesa e minificción.
A súa poesía é unha poesía de impulsos, de intuición, condensada en poucas palabras e froito da consciencia do vivido, lido e asimilado. Publicou en Edicións Torremozas (Madrid) unha triloxía de poemas xaponeses, todos eles ilustrados e en edición bilingüe: Tankas habitados (2018), un achegamento emotivo á poética do tanka partindo dun tema universal, o coñecemento dun mesmo a través da serenidade, a natureza e o amor; Komorebi, bosque de haikus (2020), unha mirada esencial do momento presente a través da luz da natureza e da súa conexión co universo interior do ser humano; e Sazanami, lo que cuenta el mar (2022), unha visión persoal do mar na que a cor e o son fúndense para conectar co momento presente. En microficción, publicou o libro Modo manual (2024, Editorial Lastura).
Na actualidade reside na cidade herculina e alterna a docencia e a escritura co estudo das relacións entre imaxe e texto desde un enfoque literario, pictórico e fotográfico.
Sobre Óscar Fernández
Óscar Fernández Sanjurjo é zanfonista, compositor e mestre de zanfona, e leva desde o ano 2001 impartindo clases regulares en Narón, Santiago e A Coruña. Tamén impartiu formacións e obradoiros de zanfona noutras localidades galegas, en Gannat (Francia), Narol (Polonia), Barcelona ou Alicante. Foi fundador do proxecto de música tradicional Cempés, e participou en numerosas producións como Atlántica Vapora, Doa, bOnOvO, Combo galego-cubano, Descarga ao Vivo, O Jarbanzo Negro, En Dúo con Ugía Pedreira, ou en Dúo con Carlos Quintá, entre outros.
Ten participado en bandas sonoras como compositor e intérprete ca zanfona como principal instrumento, e en traballos cos máis prestixiosos zanfonistas do estado como Rafa Martín, German Diaz, Marc Egea, etc.
Acto de presentación
O acto de presentación terá lugar o vindeiro xoves, 20 de marzo, ás 20 horas, nas antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora.
O aforo é limitado, polo que agradecemos confirmar asistencia no teléfono 981 630 618 ou no seguinte formulario:
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org