A nosa biblioteca e centro de documentación ambiental acaba de abrir o prazo de inscrición para a nova edición do Clube de Lecturas Verdes CLOROFILA. Xa sexa dende a narrativa ou do ensaio, este clube pretende dar a coñecer obras de temática ambiental para explorar o mundo que nos rodea, creando un espazo para a conversa e o intercambio de ideas, unha chamada a acción a través da lectura.
As tertulias terán lugar unha vez ao mes (mércores) desde outubro de 2025 a xuño de 2026, e a inscrición realizarase para toda a tempada, tendo en conta que a asistencia é IMPRESCINDIBLE para sacar o máximo proveito ao clube.
Esta nova edición comezará coa novela Cordillera, da escritora e poeta Marta del Riego (Editorial AdN), e a primeira reunión terá lugar o mércores 15 de outubro ás 19 horas nas antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora.
CLOROFILA forma parte do clube de lecturas verdes da Red de Centros de Información e Documentación Ambiental (RECIDA), por iso a maior parte dos títulos están escritos en castelán. Non obstante, tamén trataremos obras en galego.
As prazas son limitadas, e a inscrición pode realizarse a través do seguinte formulario:
https://www.ceida.org/gl/formulario-confirmacion-de-asistencia-centro-de-documentacion
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org