• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental e fomentar a lectura verde

Exposición 'Paseos pola natureza' de Lola Zumel na biblioteca verde

Vostede está aquí

Exposición 'Paseos pola natureza' de Lola Zumel na biblioteca verde

Exposición 'Paseos pola natureza' de Lola Zumel na biblioteca verde

do 8 de xuño ao 31 de agosto

A biblioteca e centro de documentación ambiental do CEIDA acolle nas antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora a exposición   'Paseos pola natureza',  da artista   Lola Zumel.  A mostra poderá visitarse na planta baixa da biblioteca   desde o 8 de xuño ata o 31 de agosto de 2026.

A exposición

Esta exposición reúne un total de 20 obras realizadas en diferentes técnicas —acrílico, acuarela, ceras, pigmentos e verniz— nas que a natureza se converte no fío condutor da ollada artística. Cada peza nace da observación pausada e da experiencia dos paseos realizados por distintos lugares, transformando paisaxes, formas, luces e pequenas escenas cotiás en fontes de inspiración e creatividade.

As obras, de grande riqueza visual e cheas de detalle, revelan unha mirada atenta ao pequeno e ao esencial, convidando a descubrir matices, texturas e emocións en cada composición. A través desta diversidade técnica e expresiva, a artista propón un percorrido que conecta experiencia, territorio e creación artística.

Sobre o artista

Lola Zumel (Madrid, 1956) é restauradora de obras de arte e artista plástica. Actualmente reside en Oleiros e conta cunha traxectoria profesional vinculada tanto á conservación do patrimonio histórico como á creación artística contemporánea.

Formouse en debuxo e pintura na Academia Peña de Madrid e posteriormente cursou estudos de Restauración e Conservación de Bens Culturais na Escola Oficial de Restauración. Completou a súa especialización con estudos de restauración e diplomatura na especialidade de pintura, así como con traballos de formación práctica xunto ao restaurador e pintor Santiago Serrano Rueda.

Ao longo de máis de catro décadas participou en importantes proxectos de restauración e conservación en institucións culturais, museos, edificios históricos e coleccións de grande relevancia patrimonial. Entre eles destacan intervencións no Museo Cerralbo, o Casón del Buen Retiro, a Basílica de San Francisco el Grande, o Mosteiro de San Lorenzo de El Escorial, o Mosteiro das Descalzas Reales ou o Mosteiro de San Millán de la Cogolla, entre outros. Tamén desenvolveu traballos para organismos públicos, fundacións e coleccións privadas.

Desde 1999 estivo vinculada á empresa Delicias Restauración, onde participou como técnica e responsable de dirección en numerosos proxectos de conservación do patrimonio artístico.

Paralelamente ao seu labor como restauradora, desenvolveu unha traxectoria artística propia, participando en exposicións individuais e colectivas desde 2004. A súa obra puido verse en espazos culturais de Madrid, Villaviciosa de Odón e Estepona, mostrando unha produción marcada pola sensibilidade cara á materia, á memoria e aos procesos de transformación inherentes tanto á arte como á restauración.

Horario de visita

A exposición 'Paseos pola natureza' poderá visitarse no seguinte   horario:

  • Xuño: luns a xoves, de 10 a 14 h. e de 16 a 19 h.; venres de 9  a 14 h.
  • Xullo e agosto: luns, de 10 a 14 h. e de 16 a 19 h.; martes a vernes, de 9  a 14 h.

Script modelado 3D

CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
ceida@ceida.org

Suscríbete ás nosas novas

Políticas do sitio