O director do CEIDA, Carlos Vales, foi recoñecido co Premio Ones Mediterrània 2026 por toda unha vida dedicada á defensa do medio ambiente, á educación ambiental e ao compromiso social, nun recoñecemento que pon en valor décadas de traballo a prol da conservación da natureza e da construción dunha cidadanía máis comprometida coa sustentabilidade.
A proposta deste galardón foi realizada pola Asemblea do Comité Español da UICN, que quixo destacar unha traxectoria exemplar marcada pola promoción do diálogo, a cooperación e a participación social como ferramentas fundamentais para avanzar cara a modelos máis sostibles e responsables.
Catedrático de Bioloxía e Xeoloxía e unha das figuras máis relevantes do ecoloxismo galego, Carlos Vales desenvolveu ao longo da súa carreira un intenso labor no ámbito da conservación ambiental, da educación e da divulgación. Desde o ano 2001 dirixe o CEIDA, etapa na que a entidade consolidou o seu papel como referente da educación ambiental en Galicia e ampliou a súa proxección internacional a través de proxectos, redes de colaboración e iniciativas de sensibilización.
O Premio Ones Mediterrània, organizado pola Fundación Mare Terra e pola Rede Internacional de Escritores por la Tierra, recoñece anualmente persoas e entidades destacadas polo seu compromiso coa sustentabilidade, os dereitos sociais e a protección do medio ambiente. A entrega dos galardóns desta edición tivo lugar o pasado 5 de xuño en Tarragona.
Desde o CEIDA queremos expresar a nosa satisfacción e orgullo por este recoñecemento, que distingue non só unha destacada traxectoria profesional, senón tamén unha forma de entender a educación ambiental baseada no compromiso, a participación e a defensa activa da natureza.
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org