O CEIDA convídavos a descubrir o Pazo de Lóngora a través dunha visita guiada que nos permitirá achegarnos á súa historia, percorrer o seu xardín e coñecer a Biblioteca Verde, así como descubrir a exposición pictórica «Verbas», da artista galega Ehlaba Carballo de Dios.
A visita comezará cun percorrido histórico polo Pazo de Lóngora e os seus arredores. Da man do persoal bibliotecario do CEIDA, coñeceremos algunhas das personalidades que habitaron este lugar, descubriremos a historia do pazo e visitaremos algunha das súas estancias interiores. Pasearemos tamén polo xardín, deténdonos nos seus elementos arquitectónicos máis singulares, e entraremos nas antigas cabalarizas, onde desde 2022 ten a súa sede o Centro de Documentación Ambiental e Biblioteca Verde do CEIDA. Alí coñeceremos a orixe deste espazo, dedicado a promover o coñecemento e a cultura ambiental, e a súa estreita vinculación co movemento asociativo ambiental en Galicia.
A segunda parte da visita estará dedicada á arte, cun achegamento á exposición «Verbas», de Ehlaba Carballo de Dios, que actualmente acolle a Biblioteca Verde. Nesta ocasión, teremos a oportunidade de contar coa presenza da propia artista, que nos acompañará neste percorrido pola súa obra e nos achegará ao seu universo creativo, compartindo as ideas, inspiracións e significados que hai detrás das súas pinturas. A través das 18 obras que compoñen esta colección, realizadas en óleo sobre tea, descubriremos a súa reflexión sobre o poder das palabras: palabras que transforman, crean e dan vida.
Unha oportunidade para coñecer desde dentro un espazo singular do patrimonio galego, descubrir a historia da Biblioteca Verde e achegarse á creación artística contemporánea nunha contorna onde patrimonio, natureza e cultura dialogan.
DATA E HORARIO
A actividade terá lugar o vindeiro xoves, 3 de decembro, de 17 a 18.30 h., aproximadamente.
RESERVA DE PRAZA
Como o aforo é limitado, será imprescindible reservar praza no 981 630 618 ou a través do seguinte formulario:
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org