No mes de maio o Centro de Documentación Ambiental do CEIDA continúa co seu ciclo de Conversas Naturalistas, espazo de introdución ao mundo natural que combina a experiencia persoal de experto/as en determinadas materias e os libros que son imprescindibles para marabillarnos coa biodiversidade nos seus diferentes ámbitos.
Esta segunda conversa deste 2023 estará centrada no mundo dos anfibios e dos réptiles, e para achegarnos a eles contaremos coa presenza do experto Pedro Galán, con quen nos introduciremos no mundo da herpetofauna, falaremos da bioloxía e características de anfibios e réptiles, coñeceremos algunhas das especies presentes no territorio galego, ... mais tamén escoitaremos aquelas vivencias e experiencias persoais que o levaron a fascinarse por estes seres tan especiais, así como as lecturas que considera indispensables para saber e aprender máis sobre eles.
Pedro Galán Regalado
Doutor en Bioloxía, profesor titular do Departamento de Bioloxía da Universidade da Coruña e membro do Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva (GIBE). Especializado no eido da herpetofauna (estudo dos anfibios e réptiles), ao cal contribúe desde a década de 1980 con diversos proxectos de investigación, publicacións, dirección de teses e participación en institucións científicas. Membro do Comité Científico do Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial e do Catálogo Español de Especies Ameazadas, do Goberno de España, desde 2011 ata 2021. Vogal representante do estudo e investigación de vertebrados no Observatorio Galego da Biodiversidade, da Xunta de Galicia. Premio Joaquim Maluquer á Investigación Herpetolóxica.
A actividade terá lugar o vindeiro mércores 10 de maio, en horario de 19 a 21:00 h. na actual sede do Centro de Documentación, o Pazo de Lóngora (Liáns, Oleiros). As prazas son limitadas.
As conversas naturalistas están dirixidas para público adulto. Para poder asistir, é imprescindible confirmar praza no seguinte FORMULARIO
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org