A nosa biblioteca e centro de documentación ambiental acolle na súa sede, as antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora, a exposición 'Fauna en extinción', da artista Teresa Rodríguez Tinaquero, unha serie de ilustracións orixinais sobre fauna ibérica ameazada. A mostra pode visitarse na pranta baixa da biblioteca do 18 de setembro ao 30 de novembro de 2023.
A exposición
Segundo a Lista Vermella da Unión Internacional para a Conservación da Natureza, máis de 42.100 especies están ameazadas de extinción. É dicir, o 28 % do total das especies avaliadas no mundo están hoxe en perigo de desaparición, incluíndo o 41% dos anfibios, o 37% de quenllas e raias, o 36% dos corais, o 34% das coníferas, o 27% dos mamíferos e o 13% das aves. A perda dunha soa especie clave pode ser devastadora para a diversidade dos ecosistemas.
Esta exposición recolle unha serie de sete ilustracións de diferentes especies de fauna ibérica ameazadas realizados a lápis, entre os que se atopan o oso pardo, a águia real, o quebraósos, o visón europeo, o lince ibérico, a malvasía de cabeza branca, e a pita do monte. Algunhas destas especies como o oso pardo, o lince ibérico, a águia real ou a malvasía, estiveron a piques de desaparecer no noso país, e grazas aos plans de conservación levados a cabo, hoxe en día recuperaron parte das súas poboacións, mais aínda están expostas a numerosas ameazas.
Sobre a artista
Teresa Rodríguez Tinaquero reúne nesta exposición dúas das súas paixóns: o debuxo e os animais. De pequena quería ser debuxante, veterinaria e patinadora á vez. Licenciada en Ciencias do Mar, nunca deixou a ilustración (nen os patíns), e desta afición naceu esta mostra que recolle animais en perigo de extinción, sen ter moi clara a finalidade que lle daría aos debuxos. Como usuaria e lectora da biblioteca do CEIDA, hoxe expón a súa obra no Pazo de Lóngora cun obxectivo claro: a concienciación polo respeto e coidado da natureza.
A exposición 'Fauna en extinción' pode visitarse en horario de luns a xoves, de 10 a 14 h. e de 16 a 19 h., e venres de 9 a 14 h.
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org