A nosa biblioteca e centro de documentación ambiental acolle na súa sede, as antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora, a exposición 'Rompente. Unha forma de ver', da artista Laura Calvo (@boor.es), unha colección de pezas de deseño creadas a partir de boias e flotadores recollidos nas praias.
A exposición
Tras moitas horas á beira do mar, a artista Laura Calvo comprobou o problema que supón a contaminación por plásticos nos ecosistemas mariños, especialmente o provocado por obxectos relacionados coa actividade pesqueira como poden ser boias, flotadores, redes ou anacos de tanzas. Por iso creou este proxecto de arte transformador que ten por obxectivo promover valores distintos que canalicen a inquietude individual e colectiva cara accións eficaces en materia de xestión e redución de residuos.
O título “Rompente. Unha forma de ver”, fala sobre o estado no que se atopa o material nas praias, gastado, golpeado ou quebrado ao pasar por esas zonas nas que baten as ondas con máis forza, pero tamén sobre romper coa idea que se ten dos obxectos. O que é despreciado e considerado lixo mariño por moitos, convértese nun material valiosísimo e cheo de posibilidades para a artista. Considera tamén que é importante aprender a ver, xa que hai moitas formas de facelo. “Hai quen vai á praia e se fixa nas aves, quen se fixa nas cunchas, quen se queda coa forma das ondas ou quen simplemente non se fixa en nada”, asegura. E por iso ela ensina a ver a problemática do lixo mariño a través do que atopa nas praias.
Todas as pezas son obras orixinais, empregando como soporte boias e flotadores recuperados. A exposición está composta pola serie “Netas do mar” e a colección de deseños con temática mariña realizada con puntillismo.
Sobre a artista
Laura Calvo é educadora social e continuou formándose en materias complementarias como a innovación e a sostibilidade. Ten máis de cinco anos de experiencia como educadora ambiental no CEIDA e creou, xunto coa súa irmá Inés Calvo, Boor, un proxecto artístico con dúas liñas de traballo diferenciadas: Terra e Mar. A exposición pertence a “Mar” e pon o foco sobre a problemática da contaminación por plásticos nos ecosistemas oceánicos, considerando a arte como motor de transformación social.
A mostra 'Rompente. Unha forma de ver' poderá visitarse en horario de luns a xoves, de 10 a 14 e de 16 a 19 h., e venres de 9 a 14 h., durante o mes de xuño; e luns de de 10 a 14 e de 16 a 19 h., e martes a venres de 9 a 14 h., no mes de xullo (horario de verán). Estará dispoñible na pranta baixa da biblioteca do 9 de xuño ao 14 de xullo de 2023.
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org