• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental

Presentación do libro 'Guía micolóxica básica da provincia de Lugo'

Vostede está aquí

Presentación do libro 'Guía micolóxica básica da provincia de Lugo'

Presentación do libro 'Guía micolóxica básica da provincia de Lugo'

Aforo limitado

Os expertos e socios da Sociedade Micolóxica Lucus  Julián Alonso, José Castro, e María Cristina García-Echave,  visitarán a nosa biblioteca e centro de documentación ambiental para presentar a   Guía micolóxica básica da provincia de Lugo , unha obra divulgativa que nace coa vocación de ser unha ferramenta de utilidade para aquelas persoas afeccionadas que queren iniciarse no apaixoante mundo da macromicoloxía en xeral, e da lucense en particular, e que acaba de alcanzar a súa 2ª edición.

Sobre a obra

A  Guía micolóxica básica da provincia de Lugo  é principalmente unha guía de identificación, mais cunhas rigorosas e claras descricións de gran utilidade tamén para especialistas. Os autores dan unha grande importancia aos conceptos básicos que todo afeccionado debe coñecer e interiorizar como piares fundamentais para avanzar con seguridade no coñecemento do mundo dos fungos. 

A guía iníciase cun capítulo dedicado á provincia de Lugo, ás súas caracteristicas climáticas e á súa riqueza en espazos e sistemas variados que se traduce nunha espectacular diversidade. Despois dos fundamentais capítulos sobre conceptos básicos sobre fungos, identificación, toxicidade e comestibilidade, na parte descriptiva inclúense fichas fotográficas con minuciosas descricións de 202 especies, frecuentes a maioría, mais tamén outras raras pero características dalgúns dos micotopos da provincia, e nas observacións das fichas coméntanse ata 384 especies máis. Finalmente, nos anexos, abórdase un apartado imprescindible sobre lexislación, unha sinopse bibliográfica e un amplo e completo glosario.
 

Sobre os autores

  • Antonio Rigueiro Rodríguez

Enxeñeiro forestal e profesor universitario, comezou a finais dos anos setenta a andaina macromicolóxica galega no Centro de Investigacións Forestais de Lourizán e nunca a abandonou. É mestre de mestres, moitos aprenderon ao seu lado. Implicado no aproveitamento forestal e na importancia da Micoloxía na provincia de Lugo desde a súa cátedra na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, na que hoxe continúa como profesor emérito e onde deixa bos discípulos.

  • Julián Alonso Díaz
    Veterinario que realizou o seu doutoramento en Micoloxía, aínda que xa desde bastante antes de especializarse neste campo sentía unha grande fascinación pola catalogación dos cogomelos galegos. Non só se introduciu neste marabilloso mundo, senón que foi quen de arrastrar con el ás moitas persoas que hoxe conforman a Sociedade Micolóxica Lucus, da que é o actual presidente.
  • Cristina García-Echave Puente

Bióloga e gran coñecedora do mundo vexetal terrestre, con varias publicacións referidas á Mariña Lucense, tanto de plantas como de cogomelos, aos que se leva dedicando case en exclusiva os últimos vinte anos. O que sae con ela ao campo é capaz de observar os verdadeiros coñecementos que posúe, que derivan das moitas horas dedicadas ao estudo dos macromicetos, tanto no campo como ao lado do microscopio.

  • José Castro Ferreiro

Micólogo afeccionado excepcional, que non está vencellado profesionalmente á bioloxía ou ao mundo forestal. Aprendeu da man de Julián, e a súa seriedade, entrega e saber facer ponse de manifesto na publicación de artigos científicos propios, ou o inmeso traballo que realiza para a revista  Micolucus.

O acto de presentación terá lugar o   vindeiro venres, 29 de novembro, ás 19 horas,   nas antigas cabalarizas do   Pazo de Lóngora.

O   aforo é limitado,   polo que agradecemos confirmar asistencia no teléfono 981 630 618 ou no seguinte formulario:

Script modelado 3D

CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
ceida@ceida.org

Suscríbete ás nosas novas

Políticas do sitio