No marco do proxecto Futuro en Común, a Coordinadora Galega de ONGD's convidou a dúas persoas activistas ambientais de Honduras, Sandra Reyes e Modesto Ochoa, a realizar unha xira por Galicia para dar a coñecer en primeira persoa a súa experiencia como defensoras da terra. Coa súa visita pretenden sensibilizar á sociedade sobre a necesidade de protexer o medio ambiente e os dereitos humanos ante o actual modelo neoliberal, un modelo depredador de produción e consumo de recursos naturais que está a producir desequilibrios nocivos a nivel económico, ecolóxico e social.
Os retos ambientais aos que se enfronta Honduras son moi similares aos que podemos atopar no noso país: macroproxectos empresariais de minería, eólicos, parques fotovoltaicos etc. Lévanse a cabo baixo unha falsa promesa de prosperidade sen contar co beneplácito das persoas que habitan eses territorios. Estes proxectos contaminan a terra e as augas, destrúen as comunidades e afectan aos ecosistemas pondo en perigo a súa supervivencia. Por outro lado, Honduras é un dos países do mundo con maior número de asasinatos de ambientalistas. A impunidade, a corrupción e a pobreza favorecen que as empresas antepoñan os seus intereses aos dos propios habitantes do territorio. As compañías utilizan estratexias de todo tipo para dividir ás comunidades, incluíndo ameazas e asasinatos co obxectivo de eliminar as resistencias que poidan existir contra os seus proxectos empresariais.
A través do relato de Sandra e Modesto queremos visibilizar e apoiar o traballo realizado por centos de miles de persoas anóminas que se organizan nas súas comunidades para loitar nesta causa global e defender a terra, a vida e os dereitos humanos. En 2016, o asasinato da líder ambientalista hondureña Berta Cáceres tivo unha repercusión internacional. Desgraciadamente, o número de vítimas continúa a medrar cada ano. Debemos defender a quen defende e loitar en conxunto por un Futuro en Común.
Quen son Sandra e Modesto?
Sandra Reyes é una defensora dos dereitos humanos e do territorio hondureña. A pesar da súa xuventude en poucos anos tense convertido nunha importante líder comunitaria non só no ámbito da defensa ambiental senón tamén na defensa dos dereitos das mulleres, grazas ao seu traballo dentro da Red de Mujeres de Pespire. É a subcoordinadora do Movimiento Ambientalista Social del Sur por la Vida ´MASS-Vida’, plataforma social de defensa do territorio e los DDHH das provincias de Choluteca e Valle (zona sur de Honduras, fronteiriza con El Salvador e Nicaragua).
Modesto Ochoa é un importante líder comunitario e defensor do territorio hondureño cunha longa traxectoria de traballo a prol do medio ambiente. Compatibiliza a súa profesión de pescador artesanal e agricultor coa presidencia da xunta directiva do Comité para la Defensa y Desarrollo de la Flora y Fauna e Golfo de Fonseca (CODDEFFAGOLF) - unha das organizacións ambientais máis importantes do sur de Honduras, premiada polo Programa de das Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) polo seu traballo.
Ambos teñen realizado unha extensa labor en defensa do territorio na zona sur de Honduras, rexión que inclúe o Golfo de Fonseca, un dos portos naturais máis importantes do mundo e zona ambientalmente protexida.
Charla-coloquio na sede do CEIDA
A charla-coloquio terá lugar o vindeiro martes, 9 de maio, ás 19 h., no Salón de Actos do Castelo de Santa Cruz (Oleiros). Como o aforo é limitado, agradecemos confirmar asistencia no teléfono 981 630 618 ou no correo formacion@ceida.org
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org