Biblioteca verde do CEIDA. Antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora
CEIDA
Museos Científicos Coruñeses
Familias con nenos e nenas entre 6 -11 anos. É imprescindible que cada menor de idade veña acompañado de unha persoa adulta.
Achégate en familia a descubrir un dos fenómenos astronómicos máis fascinantes: o eclipse solar. Neste obradoiro combinaremos divulgación científica e unha actividade práctica para aprender a observalo de forma segura.
Comezaremos cunha introdución ao fenómeno dos eclipses solares, explicando por que se producen, en que se diferencian doutros eclipses visibles desde o noso territorio e por que un eclipse total é un acontecemento tan excepcional, cunha probabilidade estatística de repetirse nun mesmo lugar aproximadamente cada 350 anos. Tamén falaremos dos cambios que se producen durante un eclipse, das medidas de seguridade imprescindibles para a súa observación en cada unha das súas fases e das precaucións que deben adoptarse ao utilizar cámaras fotográficas ou outros dispositivos ópticos. Ademais, ofreceremos recomendacións sobre os mellores lugares para a súa observación e compartiremos recursos dixitais para que as familias poidan ampliar os seus coñecementos.
Na segunda parte do obradoiro construiremos unha cámara escura, un sinxelo dispositivo de proxección que permite observar o eclipse con total seguridade, especialmente recomendable para a participación de nenos e nenas. Cada familia elaborará unha caixa escura de gran tamaño que proxecta a imaxe do Sol e que poderá levar para a casa para utilizala durante o eclipse.
Para rematar, poñeremos en práctica as caixas construídas e convidaremos ás persoas participantes a descubrir os fondos documentais do CEIDA relacionados coa astronomía, os eclipses, a contaminación luminosa e outras temáticas afíns, promovendo a lectura científica e o intercambio de coñecementos entre distintas xeracións.
2 horas e media
O obradoiro desenvolverase en dúas sesións, en días diferentes, sendo ambas de contido idéntico. Cada sesión estará dirixida a un grupo distinto de familias, polo que cada persoa participante asistirá unicamente á data na que estea inscrita.
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org