Durante o 2020-2021 o CEIDA puxo en marcha o proxecto “ZOSTERA. Pradarías mariñas, tesouro de biodiversidade” co apoio da Fundación Biodiversidad, do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. Este proxecto ten como obxectivo concienciar sobre a importancia da conservación das pradarías de fanerógamas mariñas da costa cántabro-atlántica (Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi), co que pretende dar a coñecer os beneficios ambientais, económicos e sociais que as pradarías proporcionan entre a cidadanía, así como a integración de colectivos específicos da poboación local na súa conservación.
Dentro do proxecto realizáronse ao longo do curso escolar unha serie de actividades en centros educativos que incluíron un traballo máis intensivo con 5 centros educativos de municipios costeiros con presenza de pradarías mariñas. Con estes centros desenvolveuse un seguimento científico
de cadansúa pradaría mariña á vez que os e as estudantes fixeron uns traballos de investigación e divulgación sobre as pradarías mariñas que investigaron na súa comunidade escolar e incluso coa súa veciñanza ou responsables políticos locais.
A elaboración deste material didáctico parte desa experiencia educativa e ten como obxectivo servir de manual para o profesorado de cara a orientalo na realización das distintas actividades ao longo do curso con contidos sobre o que son as pradarías mariñas, onde se atopan, a súa importancia
ecolóxica, os servizos ecosistémicos que ofrecen, problemas da súa conservación e onde podes atopalas na túa contorna próxima.
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org