O vindeiro xoves, 1 de outubro, ás 19 horas, presentamos Como se formou esta paisaxe? Xeoloxía de Galicia, do xeólogo e divulgador científico Eduardo González Clavijo. A través desta obra, o autor convídanos a descubrir como se foi formando a paisaxe galega e a comprender os procesos xeolóxicos que están detrás dalgúns dos seus elementos máis característicos.
Durante o acto, o escritor estará acompañado pola xeóloga e técnico da Cámara Oficial Mineira de Galicia Irene Pérez Cáceres.
Sobre a obra
A xeoloxía é unha ciencia nova e pouco coñecida. Todo o mundo ten algúns coñecementos dos animais, das plantas, da arquitectura e das tradicións da súa contorna, pero poucas persoas se cuestionan como se orixinou o chan que pisan cada mañá, ou a paisaxe que ven cada día.
Por iso, este pequeno traballo trata de facer chegar aos afeccionados e ás afeccionadas os coñecementos actuais sobre a xeoloxía de Galicia dun xeito accesible, a un nivel divulgativo, pois existe un crecente interese en coñecer a apaixonante historia do planeta Terra, a súa evolución e a súa influencia na nosa vida diaria.
Sobre o autor, Eduardo González Clavijo
Xeólogo pola Universidade de Salamanca, traballa en diversos campos da xeoloxía, ciencia da que desde 2013 é un incansable divulgador. Forma parte do equipo de coordinación nacional de Geolodía, que, organizado pola Sociedade Xeolóxica de España, é un dos eventos máis importantes a nivel internacional de divulgación e sensibilización da poboción sobre a necesidade de coñecer e protexer o noso patrimonio xeológico.
Neste mesmo campo, deseñou rutas e realizou traballos de divulgación para a Cámara Oficial Mineira de Galicia, o Ilustre Colexio Oficial de Xeólogos, a Xunta de Galicia, AEPECT e SIGMADOT, entre outras organizacións. Ademais, imparte habitualmente cursos e actividades de campo para diversas asociacións e empresas.
É autor dunha decena de artigos sobre divulgación científica e minería de ouro romana.

Sobre Irene Pérez Cáceres
É xeóloga e é a responsable da Oficina Técnica da Cámara Oficial Mineira de Galicia, onde se xestiona o Catastro Mineiro de Galicia e coordina actividades de divulgación de recursos minerais e Patrimonio Mineiro.
A súa formación académica inclúe Licenciatura en Xeoloxía da Universidade de Salamanca, Máster en Recursos Xeolóxicos e Geotecnia da Universidade de Oviedo e Doutoramento en Ciencias da Terra na Universidade de Granada.
Traballou en proxectos científicos en organismos públicos de investigación, universidades e colaborado con institucións internacionais, onde se especializou en evolución tectónica do Macizo Ibérico, traballando en contornas como Pireneos, Andes, Huelva, Portugal e Galicia.
É membro da Sociedad Geológica de España, vogal da Comisión de Mulleres e Xeoloxía, e membro do comité científico do Xeoparque Mundial da Unesco Montañas do Courel.

Acto de presentación
O acto de presentación terá lugar o xoves, 1 de outubro, ás 19 horas, nas antigas cabalarizas do Pazo de Lóngora, actual sede da biblioteca e centro de documentación ambiental.
Agradecemos confirmar asistencia no teléfono 981 630 618 ou no seguinte formulario:
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
[email protected]