Con motivo de celebración da Semana da Biodiversidade, o Centro de Documentación Ambiental Domingo Quiroga estrea as Conversas Naturalistas, espazo de introdución ao mundo natural que combina a experiencia persoal de experto/as en determinadas materias e os libros que son imprescindibles para marabillarnos coa biodiversidade nos seus diferentes ámbitos.
Esta primeira actividade estará centrada no mundo das aves, e para achegarnos a elas contaremos coa presenza do ornitólogo Sergio París, con quen aprenderemos sobre a súa bioloxía, identificaremos algunhas das especies que se atopan na nosa contorna máis próxima, coñeceremos aqueles lugares onde podemos observalas con facilidade... mais tamén escoitaremos aquelas vivencias e experiencias persoais que o levaron a introducirse na ornitoloxía, así como as lecturas que considera indispensables para iniciarnos no universo alado.
Sergio París é grande coñecedor das aves do Concello de Oleiros, membro do equipo técnico do CEIDA onde coordina o proxecto 'Aves Ártabras', e secretario da Sociedade Galega de Ornitoloxía.
A actividade terá lugar nas antigas cabalizas do Pazo de Lóngora, actual sede do Centro de Documentación, o vindeiro xoves, 19 de maio, ás 19.30 h.
As prazas son limitadas. Reserva a túa praza no seguinte formulario:
http://www.ceida.org/gl/formulario-confirmacion-de-asistencia
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org