Este mes de novembro o Centro de Documentación Ambiental do CEIDA continúa co seu ciclo de Conversas Naturalistas, espazo de introdución ao mundo natural que combina a experiencia persoal de experto/as en determinadas materias e os libros que son imprescindibles para marabillarnos coa biodiversidade nos seus diferentes ámbitos.
Esta quinta actividade estará centrada no mundo dos cogomelos, e para achegarnos a eles contaremos coa presenza da experta Cristina García-Echave, con quen nos introduciremos no bioloxía dos fungos e as súas incribles redes, coñeceremos formas e cores extraordinarias, identificaremos algunhas das especies que se poden atopar en Galicia,... mais tamén escoitaremos aquelas vivencias e experiencias persoais que a levaron a fascinarse polos cogomelos, así como as lecturas que considera indispensables para saber máis sobre este reino, mais alá do seu valor culinario.
Cristina García-Echave
Natural da Coruña, licenciada en Ciencias Biolóxicas, leva máis de 30 anos estudando o mundo dos fungos e das prantas. Membro da Asociación Micolóxica Lucus e Grupo Micolóxico Galego. Nos anos 80 asistiu ao seu primeiro curso de cogomelos en Cuenca, lugar onde residiu durante oito anos. Dende entón non deixou de participar en congresos e actividades formativas, o último en setembro deste ano en Lugo sobre xenética micolóxica. Viviu en Burela vinte e cinco anos, de ahí que moitas das súas publicacións e estudos estén centrados na mariña lucense. Leva impartido cursos e conferencias para diferentes entidades, asociacións micolóxicas e tamén no ámbito universitario. Entre as súas publicacións cabe destacar Árboles y arbustos de las calles, plazas y jardines del Ayuntamiento de Burela (2005), Guía de plantas con flores de Burela y A Mariña (2007), Guía de setas de Burela y A Mariña (2009) e Guía de setas de Burela y A Mariña (nova edición, 2019).
A actividade terá lugar o vindeiro martes 22 de novembro, en horario de 19 a 21:00 h. na actual sede do Centro de Documentación, o Pazo de Lóngora (Liáns, Oleiros). As prazas son limitadas.
AS PRAZAS PARA ESTA ACTIVIDADE ESTÁN ESGOTADAS
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org