No mes de setembro o Centro de Documentación Ambiental do CEIDA continúa co seu ciclo de Conversas Naturalistas, espazo de introdución ao mundo natural que combina a experiencia persoal de experto/as en determinadas materias e os libros que son imprescindibles para marabillarnos coa biodiversidade nos seus diferentes ámbitos.
Esta terceira conversa deste 2023 estará centrada no mundo das orquídeas, e para achegarnos a elas contaremos coa presenza da experta Elvira Sahuquillo, con quen nos introduciremos no mundo destes seres vexetais tan extraordinarios, falaremos das súas características biolóxicas, coñeceremos algunhas das especies presentes no territorio galego, ... mais tamén escoitaremos aquelas vivencias e experiencias persoais que a levaron a fascinarse por elas, así como as lecturas que considera indispensables para saber e aprender máis sobre orquídeas.
Elvira Sahuquillo Balbuena
Doutora en Bioloxía e profesora titular do Departamento de Bioloxía da Universidade da Coruña (UDC), sendo membro do Grupo de Investigación en Bioloxía Evolutiva (GIBE). O seu traballo de investigación céntrase no estudo da diversidade vexetal, das súas características biolóxicas e da súa relación coas condicións ambientais nas que se desenvolven as plantas. Traballa principalmente con dúas familias, as orquídeas e as gramíneas, dous grupos de gran importancia económica, ambiental e biolóxica. Por outra banda, é vogal no comité das Árbores Senlleiras da Xunta de Galicia en representación da UDC. É autora de diversos artigos de investigación, e coautora da Guía das orquídeas de Galicia (Baía Edicións).
A actividade terá lugar o vindeiro xoves, 28 de setembro, en horario de 19 a 21:00 h. na actual sede do Centro de Documentación, o Pazo de Lóngora (Liáns, Oleiros). As prazas son limitadas.
As conversas naturalistas están dirixidas para público adulto. Para poder asistir, é imprescindible confirmar praza no seguinte FORMULARIO
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org