Este 2022 está a ser un ano de cambios, e entre as novidades máis relevantes para o CEIDA está a ampliación das nosas instalacións co traslado da biblioteca e centro de documentación ambiental ao Pazo de Lóngora. Este novo espazo é unha realidade grazas ás xestións e traballo do Concello de Oleiros no seu compromiso coa cultura, a natureza e os servizos públicos, que levou a cabo a rehabilitación das antigas cabaleirizas co apoio económico da Fundación Amancio Ortega.
O Pazo de Lóngora acolle dende hai varias décadas o Instituto de Medio Ambiente da Universidade da Coruña, de modo que a ubicación do centro de documentación do CEIDA na mesma contorna constituirá o marco idóneo para a investigación, a divulgación e a educación ambiental.
O Centro de Documentación Ambiental abandona así a pranta baixa do Castelo de Santa Cruz, mais o fondo documental continuará dando servizo tanto ao público especializado, como a todas as persoas que desexen achegarse á natureza ou despertar a súa curiosidade polo medio natural. Seguiremos sendo un centro público aberto a toda a cidadanía!
Nos vindeiros días comunicaremos a data de apertura e os novos horarios!
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org