• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental

Proxección do documental 'Salvaxe, Salvaxe'

Vostede está aquí

Proxección do documental 'Salvaxe, Salvaxe'

Proxección do documental 'Salvaxe, Salvaxe'

Auditorio A Fábrica

O CEIDA organiza a proxección do documental   'Salvaxe, salvaxe',   do director ourensán   Emilio Fonseca,  producido por   Walkie Talkie Films.  A película, premiada xa en seis festivais como o de Málaga ou Guadalajara (México) e nominada aos Premios Mestre Mateo como mellor documental, adéntrase nos montes galego-portugueses rastrexando imaxes e ausencias do lobo ibérico, para cuestionar a relación entre humanos e non humanos. Ao remate da proxección contaremos cun   coloquio   co director,   Emilio Fonseca,  e a   coprodutora e coguionista,   Xiana do Teixeiro. 

Sinopse de 'Salvaxe, salvaxe'

Cheiras iso? Para texer as sinais que deixa a vida salvaxe hai que agudizar os sentidos.  Estas imaxes afástanse da representación da pureza virxinal asociada aos paisaxes naturais do noroeste da Peníncula Ibérica, conscientes do intenso modelado da acción humana. Ser unha criatura salvaxe aquí é ser salvaxe asediado.   'Salvaxe, salvaxe'  rastrexa imaxes e ausencias do lobo ibérico xunto a un equipo de investigación universitario. Atravesa así unha historia relacional cargada de mitoloxía popular, sometemento e exterminio, enfrontándose ao relato audiovisual feito de imaxes-simulacro do natural-salvaxe. 

Nun tempo de colapso e catástrofe ecolóxica, este ensaio fílmico interroga as lindes entre o doméstico e o indómito, entre o puro e o híbrido. A película busca resignificar as imaxes da natureza e cuestionar a relación entre humanos e non humanos. Un exercicio fílmico que se achega ao silvestre sen suplantalo, co desexo de descubrir a súa existencia sen necesidade de reprensentalo, revelando tanto as imaxes de ausencia como as de encontros (con lobos).   

'Salvaxe, salvaxe'   é un antidocumental de natureza: nel aparecen lobos que devolven a mirada á cámara aterrorizados e humanos que saben ouvear. Todas as criaturas deixamos rastros neste baile coidadoso de rastrexadores rastrexados. 

► VER TRAILER

O documental recibiu a Biznaga de Prata ao Mellor Longametraxe Documental no   Festival de Málaga  (2024); Premio de Cine Socioambiental na mostra cinematográfica máis importante de América Latina, o   Festival mexicano de Guadalajara  (FICG, 2024); mellor documental no Festival Internacional de Cine de Tui   Play-Doc  (2024) pola súa "capacidade de suxerencia, a través dunha abordaxe inmersiva cun inesquecible deseño sonoro, onde o telúrico, o poético, o antropolóxico e o político converxen con fluidez"; mención especial do xurado no Festival de Cine Documental   Alcances  (2024); Premio do Público á mellor película no   Another Way Films Festival   (2024); ou o premio á mellor dirección no Festival de Cine   OUFF  (2024). 'Salvaxe, salvaxe está   nominada   tamén como mellor documental aos   Premios Mestre Mateo, e estrenarase en cine o vindeiro 21 de marzo.

Emilio Fonseca

Emilio Fonseca (Ourense,1978) é guionista, director, dibuxante, animador e docente en ámbitos da imaxe. En 2008 funda Walkie Talkie Films, produtora na que traballa con linguaxes documentais e experimentais. É autor dos ensaios sobre antropoceno, simulacro e delirio “Somos plaga” e “Soy muro”, da serie de pensamento Soy Cámara do CCCB; do libro 'Imágenes: un dominio público' (VVAA, CCCB, 2020) e das pezas televisivas “Queimar o monte” e “Tallers Sonors”. Participou no proxecto de arte e cooperación internacional “Chaco Ra’anga (AECID), para a cal creou o cómic documental sobre conflictos ecosociais Verde invisible (AECID, 2024). 'Salvaxe, salvaxe é o súa primeira longametraxe cinematográfica.

Data, hora e lugar

A proxección do documental terá lugar o   vindeiro mércores, 19 de marzo, ás 20 horas,   no   Auditorio A Fábrica  do Concello de Oleiros (Calle del Inglés, 13, Perillo). 

Agradecemos confirmar asistencia no teléfono 981 630 618 ou no seguinte formulario:

Script modelado 3D

CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
ceida@ceida.org

Suscríbete ás nosas novas

Políticas do sitio