Favorecer a creación de emprego verde a través da capacitación de traballadores/as en materia de posta en valor dos recursos naturais e patrimoniais do territorio das Reservas de Biosfera de Galicia e Asturias baixo criterios de sostibilidade ambiental.
As Reservas de Biosfera, como elementos clave para o desenvolvemento do programa Man & Biosphere da UNESCO, son concebidas como territorios cuxo obxectivo é harmonizar a conservación da diversidade biolóxica e cultural e o desenvolvemento económico e social a través da relación das persoas coa natureza. Este proxecto busca afondar neste modelo de desenvolvemento como fonte de emprego verde, dentro do territorio incluido nas Reservas de Biosfera galegas e asturianas.
O patrimonio natural, cultural, paisaxístico, gastronómico, etc. existente no territorio das Reservas de Biosfera constitúe un valioso conxunto de recursos susceptibles de ser postos en valor en distintos ámbitos, como o educativo, o social ou o económico. Ábrese, pois, unha oportunidade para a creación de emprego verde baseada nos propios recursos endóxenos do territorio, á que o CEIDA pretende contribuir con este proxecto a través da formación de desempregados/as para facilitar a súa posterior incorporación ao mercado laboral.
Levaranse a cabo, por tanto, distintas accións formativas orientadas á adquisición de competencias profesionais en distintos ámbitos e relacionadas coa posta en valor dos recursos naturais e patrimoniais deste territorio, a través da educación ambiental, a interpretación do patrimonio, a documentación e comunicación ambiental, e a promoción dos produtos agroalimentarios e de proximidade.
Novembro 2018 - novembro 2019
Plantéxanse tres edicións deste curso presencial (A Coruña, Ourense e Lugo) dirixido a desempregados/as inscritos no servizo de demandantes de emprego de Galicia, cos que se pretende facilitar o coñecemento sobre os recursos naturais e patrimoniais presentes nas distintas Reservas de Biosfera galegas; capacitar na adquisición de ferramentas de posta en valor dos recursos naturais e patrimoniais en distintos ámbitos (educativo, social e económico) baixo criterios de sostibilidade; formar nas técnicas básicas de educación ambiental e interpretación do patrimonio; e dar a coñecer o potencial das Reservas de Biosfera para a produción agroalimentaria sostible e de proximidade, e a creación de emprego verde.
Realizarase unha edición online con xornadas presenciais, dirixido a desempregados/as inscritos no servizo de demandantes de emprego de Asturias, co que se pretende facilitar o coñecemento sobre os recursos naturais e patrimoniais presentes nas distintas Reservas de Biosfera asturianas; capacitar na adquisición de ferramentas de posta en valor dos recursos naturais e patrimoniais en distintos ámbitos (educativo, social e económico) baixo criterios de sostibilidade; formar nas técnicas básicas de educación ambiental e interpretación do patrimonio; e dar a coñecer o potencial das Reservas de Biosfera para a produción agroalimentaria sostible e de proximidade, e a creación de emprego verde.
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org