O CEIDA, a través da súa biblioteca e Centro de Documentación Ambiental, pon a disposición dos centros educativos da provincia de Pontevedra unha colección de libros informativos e literarios sobre a temática dos residuos, a compostaxe e os hortos escolares.
As maletas xurden no marco do programa ‘Ponte a Zero’ que o CEIDA desenvolve xunto á Deputación de Pontevedra, co obxectivo de concienciar á comunidade escolar sobre a problemática do lixo e a reutilización dos residuos, fomentando actitudes cívicas e de corresponsabilidade co medio natural e social. Porque a suma das nosas accións individuais poden repercutir de forma global na saúde do planeta! Está concebida como recurso de apoio e complementario ao traballo desenvolvido nas aulas dentro deste programa.
A maleta 'Ponte a Zero: traballando polo residuo zero' recolle libros informativos, álbumes ilustrados, contos, cómics, e recursos didácticos sobre a temática dos residuos e a compostaxe (a problemática do lixo, a reutilización e reciclaxe, boas prácticas ambientais, a economía circular, os plásticos, os residuos orgánicos etc.), e sobre os hortos escolares (a horta ecolóxica, como poñer en marcha un horto, principais hortalizas e verduras, como atraer insectos beneficiosos e polinizadores ao xardín, etc.). Os materiais están divididos en dous niveis, recollidos en dúas maletas diferentes. Foron avaliados conxuntamente polo Equipo de Educación Ambiental e o Equipo de Documentación do CEIDA, sendo aproximada a idade recomendada que se indica en cada recurso.
O préstamo das maletas é gratuito para todos os centros educativos da provincia de Pontevedra, que poden dispoñer dos materiais durante 1 mes (incluindo as datas de envío e devolución).
* Debido á alta demanda deste servizo, cada centro educativo poderá solicitar unha maleta por curso escolar.
Accede ao FORMULARIO DE SOLICITUDE
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org