Castelo de Santa Cruz (Oleiros)
CEIDA
Un ano máis, os colectivos RetoqueRetro e Mar de Fábula únense para crear esta exposición, dous colectivos artísticos diferentes e ao tempo complementarios que, respondendo á súa chamada, integran nas súas obras, nunha íntima e paciente tarefa: as crebas e o lixo mariño que retiran da ribeira.
O equipo artístico de RetoqueRetro, seguindo a ancestral tradición galega de recoller tesouros procedentes de naufraxios e lugares lonxanos que o mar deposita nas praias, fan das crebas a sua peza estrela. Madeiras preesculpidas polas mareas e a intemperie e que eles rematan dándolles a forma que lles suxiren: barcos e peixes, faros e sereas, bosques e dragóns, seres mitolóxicos, zooides e humanoides...
Mar de Fábula fai do lixo mariño o alicerce da súa obra: animais fantásticos de todas as formas e tamaños, con vísceras circulares e grandes ollos abraiados. Peixes, vermes, libeliñas, arañas e formigas, criaturas caóticas, monstruosas pero inofensivas, xurdindo dos fondos abisais e sumidas no desconcerto porque saben que, en circunstancias normais, non deberan de existir porque todas elas teñen os seus corpos de plástico.
Esta exposición é tamén unha proposta conxunta de concienciación ambiental e fonte de inspiración que debera levarnos a un necesario replantexamento de relacións entre a sociedade actual e o mar. Toda a obra incorpora os residuos que o mar nos devolve con maior intensidade: O lixo – principalmente os plásticos- procedentes da descontrolada actividade humana. O lixo que se atopa nas praias é soamente a punta do iceberg da que seguramente sexa a meirande problemática ambiental que os humanos, os causantes, non queremos mirar...
RetoqueRetro nace como unha proposta de obradoiro de restauración e reciclaxe, baixo a necesidade de reinventar un oficio, a restauración, con preceptos de reciclaxe, sustentabilidade e ecoloxía. O seu equipo artístico, Javi Serantes, Isa G e Ana Lee, colaboran aunando os seus diversos coñecementos e experiencias para a creación de pezas únicas e dispares, sempre con materiais procedentes 100% da reciclaxe. Bricolaxe, restauración, escultura, pintura... cada quen ten a súa visión, método e estilo, pero todas as obras están impregnadas das opinións e aportacións do equipo, o cal enriquece o resultado final da obra e a rende única. Na súa traxectoria de catro anos experimentando xuntos, traballaron sempre con madeiras recuperadas como soporte, dende mobles abandoados recollidos nos contenedores, ata sarmientos ou paus de viña recollidos na vendimia.
Mar de Fábula é unha asociación sen ánimo de lucro que ten por obxectivo limpar o mar. Para este fin, promove a recollida e retirada de todos os refugallos sólidos depositados na beiramar, xa sexa polos temporais, polas correntes mariñas ou polos verquidos procedentes de terra, para evitar que volten ao mar. Un dos principais destinos que dan a estos refugallos plásticos é o traballo de creación artística e artesanal con exposición permanente, moitos deles recollidos na mostra do CEIDA.
Este ano, a mostra inclúe fotografías subacuáticas da fauna e flora da costa galega, de Manuel Blanco Ventureira.
Blanco Ventureira séntese estreitamente vinculado ao mar, vencellamento que fica reflectido en múltiples das súas actividades e que podemos constatar á vista do seu currículo, entre as que destaca a súa afección ao submarinismo, actividade que leva practicando desde os catorce anos e, por iso mesmo, fíxose tamén monitor de mergullo. Este coruñés nado no barrio de Monte Alto, coñece como ninguén ese mundo que se oculta baixo o mar, amosándonos cono ollos de experto, prantas e animais que conforman a riqueza biolóxica da nosa costa. A través das fotografías recollidas nesta exposición, Ventureira convídanos a coñecermos de preto a flora e fauna dos fondos mariños, amosándonos un mundo descoñecido para maior parte de nós.
Horario
Entrada
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org