Xunta de Galicia
CEIDA
A natureza galega é un mosaico de paisaxes de costa e montaña, densas fragas e chairas extensas, rías onde conflúen os ríos e o mar, queirugais, matos e lagoas. Esta variedade de hábitats acolle unha importante diversidade de especies animais e vexetais, algunhas das cales presentan, no noso territorio, poboacións de extraordinaria importancia a nivel internacional, pola súa escaseza ou polo reducido tamaño do seu territorio, como poden ser a salamántiga rabilonga ou a vacaloura.
Non obstante, a actividade humana xunto co seu espallamento, a explotación dos recursos, a contaminación, etc., chegaron a poñer en perigo esta biodiversidade. A aplicación de figuras de protección ambiental, que limitan a actividade humana en determinados territorios, permítenos salvagardar na actualidade os valores naturais que conteñen, e que son representativos da paisaxe, flora e fauna de Galicia.
O 12 % do territorio galego atópase amparado por figuras de protección máis ou menos restrictivas, como os parques naturais, espazos naturais, lugares de interese comunitario ou zonas de especial interese para as aves, garantindo a preservación da nosa biodiversidade.
Presentar ao gran público a diversidade e singularidade dos nosos espazos naturais protexidos permite concienciar á poboación sobre a importancia da conservación do medio natural e o seu propio papel na preservación da natureza e das súas especies. Os/as visitantes poderanse sorprender coa cantidade e diversidade de espazos protexidos declarados no territorio galego, a variedade e singularidade das especies animais e vexetais que poden atopar neles, entenderán o significado das figuras de protección e o que conlevan, e desenvolverán actitudes de responsabilidade fronte a conservación ambiental.
* Consulta as condicións completas para a cesión temporal da exposición.
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org