Alumnado dos centros de educación primaria (último ciclo) e secundaria dos concellos litorais de Galicia.
As pradeiras de fanerógamas mariñas teñen unha elevada importancia ecolóxica, xa que proporcionan numerosas vantaxes na súa contorna. Desgraciadamente, os impactos aos que se ven sometidas provocan a diminución da súa extensión, motivo polo cal é preciso afondar no seu seguimento, protección e coñecemento.
Estas pradeiras, ou sebadais, proporcionan alimento, refuxio e hábitat de cría adecuados para un gran número de organismos que as empregan para reproducirse e evitar a depredación, o que nos fala da súa función como “viveiros” naturais. Moitas destas especies dependentes das pradeiras mariñas son explotadas comercialmente polas pesquerías, o que unido á súa función como estabilizadoras das praias e da costa contra a erosión mariña, osixenación e contribución á transparencia das augas, fixación de areas, etc., confírelles unha enorme importancia para o ser humano. Malia iso, son altamente descoñecidas e incluso consideradas en moitas ocasións “malas herbas”.
Con este programa educativo, o CEIDA pretende divulgar entre o alumnado a biodiversidade da súa contorna máis próxima e a súa importancia para o seu benestar, en gran parte descoñecida para eles, así como a importancia ecolóxica das pradeiras mariñas.
Ademais incidirase especialmente no concepto de “servizos ecosistémicos”, adaptándoo á idade do alumnado e dando a coñecer a importancia das pradeiras para o desenvolvemento e o benestar do territorio e sociedade locais.
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org