• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental

I Congreso escolar “Rede Natura 2000. Escolas en Acción”

Vostede está aquí

I Congreso Escolas en Accion Rede Natura 2000 CEIDA
Data
venres, 5 Xuño, 2015
Lugar

Cidade da Cultura (Santiago de Compostela)

Organiza

CEIDA

Patrocina

Xunta de Galicia

Dirixido a

Centros educativos de Galicia

Descrición

A Rede Natura 2000 é o principal instrumento para a conservación da biodiversidade na Unión Europea. A súa finalidade é asegurar a supervivencia a longo prazo das especies e dos hábitats máis ameazados de Europa, contribuíndo a deter a perda de biodiversidade ocasionada polo impacto negativo das actividades humanas.

Trala aprobación do Plan Director da Rede Natura 2000 de Galicia, ábrese agora a necesidade da súa divulgación nomeadamente a todos os axentes sociais implicados, e en xeral a unha cidadanía que comeza a recoñecer esta figura, pero descoñece o seu gran potencial ambiental e social, así como a necesidade da mesma.

En outubro de 2014 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia co apoio técnico do CEIDA, abriu a convocatoria "Rede Natura 2000. Escolas en Acción", dirixida a todos os centros educativos galegos, como unha ferramenta de investigación e divulgación con fin de visibilizar na sociedade a importancia da conservación destes espazos naturais e a importancia da sostibilidade no uso dos seus recursos. No programa participaron 10 centros de primaria e 1º e 2º de secundaria que desenvolveron proyectos de investigación durante o curso 2014-2015, convertindo aos alumnos participantes en axentes de sensibilización na contorna dos espazos REDE NATURA 2000.

Todos os proxectos desta convocatoria están foron divulgados a través do blog: https://escolasenaccion.wordpress.com/, que se creou para que o traballo e o esforzo de todo o profesorado e alumnado implicado chegara a toda a comunidade escolar e ao resto da cidadanía interesada.

O Congreso

O día 5 de xuño, coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, reuníronse todos os participantes do programa Escolas en Acción no Museo Centro Gaiás (Cidade da Cultura, Santiago de Compostela) para celebrar o I Congreso Escolar “Rede Natura 2000. Escolas en Acción”. Durante esta xornada presentáronse os 10 proxectos de investigación realizados durante o curso 2014/2015.

A celebración deste Congreso deu a oportunidade de visibilizar os proxectos desenvoltos da man dos seus principais actores, os rapaces e rapazas dos centros escollidos, de crear sinerxías de colaboración entre os centros, e entre os centros e as entidades promotoras, así como de fomentar na sociedade o coñecemento da Rede Natura 2000 e a necesidade tanto individual como colectiva da súa axeitada xestión.

Centros participantes
  • CEIP LUIS SEOANE (OLEIROS)

Título do proxecto: “Quérote plantiña”
Participantes: 100 alumnos de 1º e 2º de primaria
Espazo natural de estudo: Monumento Natural Costa de Dexo-Serantes
Proxecto de identificación e estudio das plantas invasoras presentes na Costa de Dexo e Serantes. Estudio do problema ambiental que xeran e posteriormente buscar posibles solucións para a súa erradicación. Dar a coñecer á comunidade educativa e á súa contorna familiar a problemática destas especies invasoras e elaborar material divulgativo para acadar ese fin.

  • CEIP DE LAREDO (REDONDELA)

Título do proxecto: “en MARcate”
Participantes: 145 alumnos de 1º a 6º de primaria
Espazo natural de estudo: Enseada de San Simón
Preténdese identificar a enseada de San Simón como unha zona natural protexida pola presenza dunha serie de valores naturais destacados e dar a coñecer a necesidade de conservar a súa biodiversidade e fomentar o uso responsable do medio mariño. Recoñecer os cambios producidos debido a man do home, especialmente ao abuso das vedas, sensibilizar ante a problemática ambiental existente no medio mariño, identificar as especies mais ameazadas e tomar conciencia das agresións directas que os seres humanos exercemos sobre as mesmas. Visitarase a enseada de San Simón e a outros espazos que poden a axudar a ter a perspectiva descrita antes: portos deportivos, portos pesqueiros, mercados, Museo do mar de Vigo para ter unha perspectiva histórica do mar, dos aparellos das especies comerciais.

  • CEIP SANTA BAIA (BOIRO)

Título do Proxecto: “A nosa Ría”
Participantes: 200 alumnos de 1º a 6º de primaria
Espazo natural de estudo: Complexo húmido de Corrubedo e Complexo Ons-O Grove
Posta en valor das especies autóctonas das zonas litorais galegas, moitas delas en perigo pola continua esquilmación nas derradeiras décadas e por procesos graves de contaminación. Tomando como referencia o estudo dun dos espazos litorais mellor conservados por atoparse dentro da Rede Natura 2000 galega, o Complexo húmido de Corrubedo e do Grove, preténdese reproducir un ecosistema litoral cheo de especies autóctonas nas instalacións do centro educativo. Preténdese conseguir a concienciación de toda a comunidade educativa da importancia da non contaminación e non sobreexplotación, e a implicación de toda a comunidade no mantemento deste ecosistema artificial cheo de distintas especies autóctonas que viven preto de nós pero que rara vez podemos observar.

  • CEIP PADRE CRESPO (XUNQUEIRA DE AMBÍA)

Título do Proxecto: “ O Arnoia: un río cheo de vida”
Participantes: 49 alumnos de 1º a 6º de primaria
Espazo natural de estudo: Río Arnoia
Promoven converter ao centro educativo no foco de dinamización sobre o Río Arnoia na contorna máis próxima, e que os nenos e nenas sexan os verdadeiros axentes transmisores nas casas e na veciñanza. Enfocan as actividades dende as TICs e traballarán nomeadamente os venres para poder traballar interciclos e conxuntamente todas as aulas do centro. Desenvolveran accións de coñecemento xeral sobre a REDE NATURA 2000 e nomeadamente sobre o Río Arnoia, con varias saídas de campo, e visitas a lugares singulares e de interese deste ZEC na comarca Allariz –Maceda. Todo o aprendido volcarase en reportaxes fotográficas e elaboracións de guías para toda a comunidade educativa e unha exposición aberta á veciñanza.

  • CEIP VIRXE DA CELA (MONFERO)

Título do Proxecto: “Gústame de onde son”
Participantes: 85 alumnos de 1º a 6º de primaria
Espazo natural de estudo: Parque Natural Fragas do Eume
Con este proxecto pretendese acadar a implicación do alumnado, do profesorado e do conxunto da comunidade educativa no deseño e desenvolvemento dunha serie de actuacións, que supoñan a posta en valor do patrimonio natural imprescindible para o desenvolvemento, tanto social, económico como cultural da contorna. Centrase este proxecto nas Fragas do Eume, que presenta unhas características singulares que forman parte da identidade cultural de tódolos veciños. Realizaranse actividades nas aulas que permitan identificar as peculiaridades deste espazo e outras para desenvolver no entorno familiar que permita identificar a riqueza natural, patrimonial, económica, … deste espazo natural. Tamén se estudarán as problemáticas ambientais deste espazo e a súa repercusión no medio.

  • CEIP DE XANCEDA (MESÍA)

Título do Proxecto: “Prados, ríos e fragas: a natureza e o aproveitamento humano”
Participantes: 14 alumnos de 2º de secundaria
Espazo natural de estudo: Río Tambre
Realizarase unha comparación do aproveitamento entre o medio natural e as áreas protexidas dentro da área da Rede Natura 2000 usando como zona de estudo o LIC do Tambre, situada cerca da zona onde reside o maior número do alumnado do centro. Preténdese observar diferentes formas de traballar coa natureza e de respectala sacando beneficios para o ser humano pero tamén para a contorna, analizando as situacións de perigo dalgunhas áreas próximas a polígonos industriais e outras desprotexidas ou esquecidas, mentres que tamén observaranse as áreas que se están a conservar e a respectar coma elementos esenciais do medio no que convivimos e que se precisan para o presente e para o futuro. Visitaranse fábricas madereiras e telleiras para observar a influencia das mesmas e da pegada do home sobre a biosfera, así coma do aproveitamento e o rendemento ecolóxico que se poida estar a levar a cabo. Tamén observaranse industrias adicadas á agricultura e á gandería, comparando a versión tradicional e ecolóxica e a actual explotación intensiva de desgaste. Finalmente, avaliariamos os beneficios da conservación destas áreas naturais fronte a explotación e a contaminación intensiva da poboación asentada na contorna.

  • CEIP DE ROIS

Título do Proxecto: “Unha xoia na Rede Natura”
Participantes: 50 alumnos de 1º de secundaria
Espazo natural de estudo: Cabo Vilán
Proxecto de estudo centrado no Cabo Vilán, mais concretamente entre Santa Mariña e cabo Vilán. Preténdese realizar varias actividades de intermareal nesa zona para identificar as especies presentes, cales son de interese comercial, cales son invasoras. Identificar os problemas ambientais asociados a estas zonas e transmitir toda esta información ao resto da comunidade educativa coa elaboración dun vídeo sobre este tramo de costa.

  • CPR SANTA XOANA DE LESTONAC (FERROL)

Título do proxecto: “Senda Ártabra, NATURALmente”
Participantes: 40 alumnos de 5º de primaria
Espazo natural de estudo: a Costa Ártabra
Presentan un proxecto no que pretenden desenvolver unha metodoloxía que fomente a investigación, descubrimento , divulgación e coñecemento do noso patrimonio natural e medioambiental promovendo accións de busca conxunta, colaboración e cooperación. Teñen como obxectivo principal realizar accións de investigación e divulgación na sua contorna máis próxima, o barrio de Caranza, (Ferrol) sobre a Costa Ártabra, e en xeral aumentar o coñecemento ao redor da Rede Natura 2000.
Promoven a realización de andainas colectivas no espazo natural, divulgación a través das súas redes sociais e blog escolar, realización de campañas de limpeza de plásticos na beiramar, e a realización de murais informativos para dar a coñecer a toda a comunidade escolar o traballo desenvolto.

  • CPR MIRAFLORES (PEREIRO DE AGUIAR)

Título do Proxecto: “Proxecto Naturizo”
Participantes: 200 alumnos de 1º a 6º de primaria
Espazo natural de estudo: Serra de San Mamede
Proxecto composto de varios miniproxectos de investigación nos que participa todo o centro educativo. Terán como zona obxectivo de estudo a Serra de San Mamede, nomeadamente o concello de Vilar de Barrio. Relacionaranse aspectos relevantes para a conservación desta ZEC con proxectos desenvoltos no centro: Divulgación sobre as especies invasoras, estudo da agricultura e gandeiría da Serra, divulgación para a prevención dos lumes e reforestación na Serra. Todo iso irá a acompañado de concursos fotográficos, divulgación online, creación dun pequeno documental, etc, ..todo iso intentando que todos os proxectos teñan unha aplicación práctica que convertirá a aprendizaxe en significativa e experiencial, en colaboración co profesorado, PAS, familias, etc.

  • CEIP MOSTEIRO DE CAAVEIRO (A CAPELA)

Título do Proxecto: “Nas Fragas cabemos tod@s”
Participantes: 47 alumnos de 5º e 6º de primaria
Espazo natural de estudo: Fragas do Eume
Proxecto de investigación e divulgación dos valores naturais e culturais das Fragas do Eume na comunidade escolar e a veciñanza da área de influenza da contorna do centro educativo. O proxecto vertebrarase a partir do estudo do Camiño Vello, unha das sendas naturais dentro do Parque Natural e do valor cultural e histórico, próximo ao centro.

Script modelado 3D

CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
ceida@ceida.org

Suscríbete ás nosas novas

Políticas do sitio