• centro de referencia para a educación ambiental en Galicia
    CEIDA
  • capacitar para a sostibilidade ambiental
  • sensibilizar sobre os problemas ambientais
  • coñecer para conservar o patrimonio natural
  • divulgar o coñecemento ambiental

Vermes mariños baixo a lupa

Vostede está aquí

Vermes mariños baixo a lupa exposicion CEIDA
Data
martes, 28 Marzo, 2017 a domingo, 30 Abril, 2017
Lugar

Salas de Exposicións do Castelo de Santa Cruz (Oleiros)

Colabora

CEIDA

Autor/es
  • Julio Parapar é Profesor Titular da Universidade da Coruña, imparte docencia de Zooloxía na Facultade de Ciencias e investiga en taxonomía e ecoloxía de Anélidos Poliquetos.
  • Oscar García Álvarez é Catedrático de Bioloxía no Instituto no IES Rafael Dieste da Coruña e realiza traballos de investigación en taxonomía de moluscos Solenogastros.
Descrición
  • A exposición

A exposición tenta achegar ao público en xeral a diversidade morfolóxica dos vermes mariños ou Poliquetos, un grupo de invertebrados moi pouco coñecidos pois habitualmente pasan desapercibidos debido tanto ao seu pequeno tamaño como por pasar a súa vida agochados entre as algas ou o sedimento. Grazas ao emprego da macrofotografía o observador pode apreciar a beleza da morfoloxía destes auténticos descoñecidos dos mares galegos e mundiais.

A exposición está composta fundamentalmente por fotografías realizadas por dous investigadores no estudo dos vermes mariños e un fotógrafo da natureza, todos eles de recoñecido prestixio mundial: O Dr. Arne Nygren, do Museo de Goteburgo (Suecia), o Dr. Greg W. Rouse, da Scripps Institution of Oceanography de California (EEUU), e Alexander Semenov, mergullador profesional e fotógrafo da Estación Biolóxica do Mar Branco (Rusia).

Inclúe tamén unha selección de literatura sobre este grupo e publicada en moi diferentes idiomas como o galego, español, inglés, alemán, danés, chinés, cirílico, etc. Finalmente, preséntanse dous exemplares de especies de poliquetos especialmente salientables polo seu tamaño: O Eunícido Eunice roussaei , e o afrodítido Laetmonice producta, o primeiro recollido nas costas galegas e o segundo no profundo mar de Bellingshausen, na Antártida Occidental.
 

    Exposicion Vermes Mariños baixo a lupa CEIDA

  • Os protagonistas

Os poliquetos son anélidos (vermes segmentados) moi comúns e diversos no medio mariño pero ausentes tanto no medio terrestre como nas augas doces. O termo Poliqueto procede da palabra latina Polychaeta que significa “moitas quetas” (ou sedas) e fai referencia ao elevado número de producións quitinosas con forma de agulla, integradas en expansións laterais dos segmentos (a modo de patas) chamadas parápodos, e cuxa función soe estar asociada ao movemento. Entre a grande diversidade de especies actuais, unhas 10.000 descritas ata o momento, podemos atopar unha grande variedade de tamaños (dende escasos milímetros ata máis de 1 metro), de formas e de modos de vida.

Os poliquetos xeralmente habitan no fondo mariño. Cada especie soe estar asociada a un hábitat concreto e así, hai algunhas que son características dos sedimentos entre mareas (como as praias), outras que viven sobre algas e outros animais, outras perforan corais ou as hai típicas de ambientes abisais. Os poliquetos raramente son parásitos, e amosan un grande valor ecolóxico xa que en ocasións, pola súa actividade vital moldean o fondo mariño, e tamén forman parte moi relevante da cadea trófica, pois son obxecto de predación por moi diversos animais como peces e crustáceos, en moitos casos de grande valor comercial.

Visitas

Horario

  • Luns a venres, de 9 a 14 h.
  • Sábados de 11 a 14 h.

 

Entrada

  • De balde

Script modelado 3D

CEIDA, Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia
Universidade da Coruña
Xunta de Galicia
Concello de Oleiros

Acerca do Ceida

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.

Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
 981 630 618
 981 614 443
ceida@ceida.org

Suscríbete ás nosas novas

Políticas do sitio