Castelo de Santa Cruz (Oleiros)
CEIDA
Deputación da Coruña
Centros educativos da provincia da Coruña
Por quinto ano consecutivo, o CEIDA organizou o Congreso de Educación Ambiental dos centros de ensino da Coruña “Espazos para conservar. Defendamos o noso patrimonio natural”, no que participaron 4 centros de ensino e contou con 82 participantes. A Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, a Universidade da Coruña, o Concello de Oleiros, o Instituto Jane Goodall, UNICEF e os Centros Comerciais Haley foron as entidades colaboradoras nesta quinta edición.
O escenario escollido para a celebración do congreso o 2 de xuño de 2011 foi o Castelo de Santa Cruz, sede do CEIDA. A xornada arrancou co acto inaugural a cargo de D. Carlos Vales Vázquez - Director do CEIDA.
Durante a xornada matinal os protagonistas indiscutibles do congreso, os rapaces e rapazas dos catro centros participantes, expuxeron os proxectos de posta en valor do patrimonio natural galego desenvolvidos ao longo do curso 2010-2011, converténdose así nos voceiros da realidade ambiental do seu ámbito máis próximo.
Trala exposición oral dos traballos, a responsable de sensibilización de UNICEF Galicia, Marta Andrade Blanco presentou “Gotas para Níxer”, programa que esta organización internacional esta a desenvolver cos centros de ensino para apoiar a supervivencia infantil en Níxer.
Nos xardíns do Castelo de Santa Cruz celebrouse o xantar, onde os participantes degustar conservas de peixes e moluscos grazas a campaña “Ponlle as pilas ao teu bocata” impulsada pola Consellería do Mar, en colaboración coas consellerías de Educación e Sanidade, e ANFACO-CECOPESA, co fin de fomentar entre os máis novos o consumo de conservas de produtos do mar.
A xornada da tarde comezou cunha pequena presentación do Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Santa Cruz (Oleiros), a cargo do seu director, Juan Sánchez Tembleque. Para rematar o día, os participantes trasladáronse ata as instalacións para coñelas in situ, a través dunha visita guiada dirixida polo director e polo veterinario do centro. As piscinas, as gaiolas de voo, a clínica, a área de petroleadas,... foron algunhas das zonas visitadas.
A proximidade da Ría do Burgo ao IES Neira Vilas permitiu que, dende fai varios anos, o alumnado deste centro estude distintos aspectos deste humidal: diversidade ornitolóxica, o seu aproveitamento marisqueiro e furtivismo, rexeneración, xestión de residuos na ría, estado de conservación,... No curso 2010-2011 fixeron un estudo das migracións da avifauna desta ría así como un seguimento da contaminación a través de analíticas de auga, e amosaron os resultados das demandas realizadas ás autoridades estatais, autonómicas e locais, no curso anterior, para acadar que o humidal da ría do Burgo teña unha figura de protección como “Espazo Natural de Interese Local”
Varias asociacións ecoloxistas e grupos políticos están a propoñer o emblemático monte Pindo, no concello de Carnota, como o primeiro parque natural da Costa da Morte. Este proxecto pretende un achegamento do alumnado a este espazo natural para coñecer os valores que o farían merecedor desta figura de protección.
A ría de Corme-Laxe, no concello de Ponteceso, é un espazo natural cunha importante riqueza paisaxística e ecolóxica, a cal serve ademais de motor económico da comarca, xa que a pesca e o marisqueo son unha importante fonte de riqueza nos concellos que abrangue este espazo natural. Este proxecto ten como obxectivo dar a coñecer ao alumnado os valores ecolóxicos e económicos do litoral do seu contorno os seus problemas e as alternativas ás explotacións máis daniñas.
O 1 de xaneiro 1950, Salvador Parga Pondal escribía o último folio de Comarca Natural de Bergantiños. Esta obra serve de punto de partida para realizar unha análise crítica sobre a evolución da relación do ser humano co medio no noso entorno inmediato durante o último medio século. Aproximarse ao ecosistema agrario tradicional, realizar comparacións cos modos de produción actuais e coñecer as alternativas máis respectuosas co medio natural, valorando a agrodiversidade é o eixo vertebrador deste traballo.
Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org