Outra das actividades que ofrece a biblioteca e centro de documentación ambiental do CEIDA é as Conversas Naturalistas, un espazo para achegarnos á natureza a través da ollada de persoas que adicaron boa parte da súa vida ao seu estudo e divulgación, así como os libros que nos axudan a coñecela, comprendela e descubrir a súa extraordinaria diversidade. Unha oportunidade para recuperar a curiosidade naturalista e reivindicar os libros como portas de entrada ao coñecemento da natureza.
A actividade estreouse en 2023 coa vontade de crear un espazo de encontro arredor do coñecemento naturalista, combinando a experiencia persoal de especialistas e afeccionados coa riqueza dos fondos da Biblioteca Verde. En cada conversa, unha persoa convidada comparte as súas aprendizaxes, vivencias e recomendacións de lectura, achegándonos a diferentes formas de observar e interpretar o mundo natural.
Desde a súa posta en marcha, as conversas teñen explorado diferentes ámbitos, como as aves, as bolboretas e avelaíñas, os morcegos, as prantas medicinais, as orquídeas, os cetáceos, os reptís, os cogomelos, as gaivotas, as libélulas, os fieitos ou os coleópteros, e incluso con público familiar, sempre coa curiosidade como punto de partida e os libros como compañeiros de viaxe.

Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia- promove a educación ambiental en todos os sectores sociais, así como o intercambio científico e cultural, traballando na procura de solucións aos problemas ambientais e fomentando as boas prácticas cidadás neste eido.
Castelo de Santa Cruz, s/n C.P. 15179 Liáns - Oleiros - A Coruña
981 630 618
981 614 443
ceida@ceida.org